O pontevedrés Manu Fernández, campión olímpico: "Non me imaxinei nunca na vida experimentar algo así"

Pontevedra
11 de agosto 2024

Manu Fernández é un dos españois que pode dicir que logrou unha medalla de ouro nuns Xogos Olímpicos co seu traballo desde a sombra. É un dos exadestradores do Pontevedra e director deportivo da Real Federación Galega de Fútbol e hai un ano, máis concretamente en marzo do 2023, incorporouse á expedición da Selección Española sub 21 para exercer como xefe de delegación  

Manu Fernández e o equipo español celebrando o ouro nos Xogos Olímpicos
Manu Fernández e o equipo español celebrando o ouro nos Xogos Olímpicos / Real Federación Española de Fútbol

Manu Fernández é un dos españois que pode dicir que logrou unha medalla de ouro nuns Xogos Olímpicos co seu traballo desde a sombra. É un dos exadestradores do Pontevedra e director deportivo da Real Federación Galega de Fútbol e hai un ano, máis concretamente en marzo do 2023, incorporouse á expedición da Selección Española sub 21 para exercer como xefe de delegación.

Aínda que os obxectivos dentro do equipo son claros, "non me imaxinei nunca na vida experimentar algo así", recoñeceu a PontevedraViva dous días despois de proclamarse campión olímpico co combinado nacional de fútbol masculino. "A proximidade con España notouse moito, sobre todo nos partidos da fase de grupos. Contra Xapón había moita bandeira española e a xente foi moi próxima connosco, moi cariñosa". Xa só vivir a experiencia duns Xogos Olímpicos "é unha pasada", pero gañarlle á anfitrioa Francia no partido polo ouro "é poñerlle a guinda ao pastel".

"Nos anteriores Xogos (a selección masculina) foi subcampioa e é certo que o obxectivo en París era ser campións, pero pasan moitas cousas, o camiño é longo e pode pasar calquera cousa. Sabiamos que o persoal optaba a iso a propósito de que os rivais eran fortes e moi complicados. Sabiamos que Francia era a selección máis potente xunto con Arxentina, e xogando en casa sabiamos que se nos cruzabamos con eles sería na final. Tentamos prepararnos o mellor posible", admitiu.

Pero o camiño para conseguilo non foi nada fácil. Os españois gañaron a Uzbekistan por 2-1 no primeiro encontro da fase de grupos, despois superaron por 3-1 a República Dominicana e perderon contra Exipto 2-1 no último partido da fase preliminar. Accederon a cuartos de final como segundos de grupo e gañaron de forma cómoda a Xapón (3-0), pero na semfinal tiveron que remontar contra Marrocos para lograr o pase á final (2-1). A medalla estaba asegurada, pero o obxectivo era claro: gañar. 

Con todo o partido volveu empezar costa arriba para España. "Foi un partido moi longo, con moitas variacións. Fomos capaces de darlle a volta moi pronto (de 1-0 pasaron a 1-3) e logo houbo moito tempo para tentar sobrevivir ás arrancadas de Francia. Ao final o poderío fisico dos franceses acabou por impoñerse" e empataron na recta final (3-3).

O partido foi á prórroga. "Houbo moita tensión e nervios. Foi unha montaña rusa de emocións", recoñeceu Manu Fernández. "O obxectivo era que na prórroga as cousas saísen ben" e vaia se saíron. Camelo anotou un dobrete, enmudeció aos anfitrións e deu o merecido e ansiado ouro a España.

"Agora hai que gozalo, darnos conta do que conseguimos e valoralo co paso dos anos", indicou o exgranate. "É difícil pensar no futuro porque ao final é unha selección moi particular, non existe como tal. Os obxectivos dos mozos é progresar nos seus clubs e estar na absoluta. Os sub 21 van tentar clasificarse para a Euro do ano que vén, que o ano pasado foron subcampións en Xeorxia", concluíu.