Un pontevedrés foi o gran protagonista este mércores no primeiro partido na historia da Selección Española Sub-14 de Fútbol.
O seu nome é Hugo Chamadoira, dianteiro formado na EF Portero 2000 e que co seu paso a categoría infantil pasou a formar parte da canteira do Real Club Celta de Vigo.
Chamadoira participou en catro dos seis goles (6-0) que España lle endosou a Turquía nun partido disputado na Ciudad del Fútbol de Las Rozas.
Aos tres minutos de xogo Hugo forzou un centro que introduciu na súa propia meta o turco Kuzev Ersov, e só dous minutos despois estreábase cun gol de nove puro, control no punto de penalti e remate seco para facer o 2-0.
O pontevedrés asistiu ademais ao seu compañeiro Gabriel Duarte no minuto 9 na xogada que supuxo o terceiro tanto, e marcou o 4-0 xa na segunda metade nunha acción de oportunismo, aproveitando un rexeite tras un disparo á madeira. Goles que poden verse no resumo do choque compartido pola Real Federación Española de Fútbol.
Hugo Chamadoira chamou a atención dos técnicos da selección nacional nunha tempada na que suma 38 goles co Celta, 36 deles na División de Honra Galega Infantil e dúas máis co Cadete B de Liga Galega.
En canto á Selección Española Sub-14, volverá medirse a Turquía este venres 10 de maio para pechar a súa primeira concentración.