O deportista pontevedrés Cristian Fernández, vinculado en natación co Galaico e en tríatlon co Infohouse Santiago, non ten teito. Tras proclamarse campión do mundo de acuatlón en grupos de idade en Pontevedra, este venres colgouse a medalla de prata no Europeo de Acuatlón Elite disputado en Bilbao.
O pontevedrés, que estreou internacionalidade na categoría absoluta, quedou a tan só dous segundos do ouro, que finalmente foi para o británico Christopher Perham. O bronce levoullo o italiano Nicolo Ragazzo.
Foi unha proba moi rápida que comezou co segmento de natación onde aguantou no grupo de cabeza a seis segundos do primeiro.
Iniciou en sétima posición o tramo a pé, pero púxose ao choio e chegou mesmo a estar na cabeza, facendo o mellor parcial a pé da proba.
Con todo, a pesar dos bos números, nos últimos metros foi o inglés o que fixo un pequeno sprint que lle permitiu colgarse o metal de ouro.