O Pontevedra visita o escenario dos seus pesadelos máis recentes

Pontevedra
25 de setembro 2015

Os granates visitan este sábado (18:00 horas) ao Racing de Ferrol no campo da Malata, escenario do que saíu goleado nas últimas ocasións, en busca do seu primeiro triunfo a domicilio e dun golpe de moral ante un dos principais favoritos ao play-off  

Luisito corrixe aspectos tácticos no adestramento do Pontevedra en Pasarón
Luisito corrixe aspectos tácticos no adestramento do Pontevedra en Pasarón / Daniel Santomé

Díficil papeleta para o Pontevedra este sábado (18:00 horas, TVG2). Os granates enfróntanse ás pantasmas do seu pasado recente ante o Racing de Ferrol no estadio da Malata, campo do que saíron goleados nas súas últimas visitas.

Fano convencidos de poder lograr o seu primeiro triunfo a domicilio da tempada e dar un golpe enriba da mesa ante un dos favoritos para xogar o play-off de ascenso.

Para logralo os de Luisito deberán manter o seu nivel defensivo e afinar a súa puntería en ataque para marcar, por primeira vez esta liga, lonxe de Pasarón, algo no que incidiu o técnico na charla táctica que mantivo este venres cos xogadores, por espazo de case unha hora, ao comezo da última sesión da semana.

Ademais da charla, o adestramento celebrado no Estadio Municipal de Pasarón serviu para que Luisito ensaiase as xogadas de estratexia.

Gañar non será tarefa sinxela e ademais o técnico de Teo contará con importantes baixas, as de Carnero por sanción e Jacobo e Queijeiro por lesión, aínda que os problemas deste último son menores do inicialmente previsto, polo que se espera que cause baixa só neste encontro.

O resto do plantel foi convocado e viaxará ata a cidade departamental para afrontar o segundo derbi ligueiro, un partido que será arbitrado polo colexiado cántabro Pardeiro Ponte, auxiliado por Toca Alonso e López Conde.