O Pontevedra visita ao Compostela sen fiarse dun equipo que "mellorou moito"

Pontevedra
05 de febreiro 2016

Os granates visitan este sábado (18:00 horas) ao Compostela, pechacancelas da competición pero que "mellorou moito" nas últimas semanas coa chegada de Fredi ao banco. Luisito leva a Santiago a todos os xogadores salvo aos sancionados Pablo e Pedro García e o lesionado Adrián Mouriño

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Primeiro dos tres derbis consecutivos que debe afrontar o Pontevedra na liga coa visita este sábado ao Estadio Municipal de San Lázaro de Santiago (18:00 horas, TVG2), onde espera un rival "duro" como a Sociedad Deportiva Compostela.

O cadro santiagués ocupa a última posición na táboa, pero Luisito avisa de que "melloraron moito" coa chegada de Fredi Álvarez ao banco, hai tres xornadas, e son agora mesmo un "equipo moi fastidiado".

Por ese motivo os granates, que encadean tres xornadas sen gañar, non se fían do seu rival e "non imos saír a especular", sentencia o adestrador do club pontevedrés.

Luisito leva a Santiago a todos os futbolistas salvo aos sancionados Pablo e Pedro García e ao lesionado Adrián Mouriño, tendo que realizar algún descarte antes do inicio do choque que dependerá do estado físico de Campillo e Adrián Gómez, con problemas ao longo da semana.

"Vin ao equipo moi ben esta semana" recoñece o técnico de Teo, o que lle fai ser optimista para lograr tres puntos que manteñan aos seus unha semana máis entre os catro primeiros clasificados.

O encargado de arbitrar o choque será o colexiado asturiano Leandro Carbajales Gómez, que xa se cruzou no camiño do Pontevedra na derrota dos granates ante o Logroñés (0-1), na que se queixaron de dous penaltis non pitados.