O Pontevedra acumula catro xornadas sen gañar e no vestiario están decididos a cortar a mala serie este mesmo fin de semana. Os de Carlos Pouso enfrontaranse o domingo (12.00 horas en Mareo) ao Sporting B nun partido no que o recentemente chegado Rufo podería facer o seu debut coa camiseta granate.Menos probable é o concurso de José García, pendente da tramitación do traspaso por parte do Estremadura, e de Álvaro Bustos, ao que lle realizarán probas para determinar o alcance da sobrecarga que padece no recto anterior da súa perna dereita.
Confirmada está a baixa dos lesionados Javi López e Berrocal, así como de Álex González que cumprirá esta xornada o seu segundo e último partido de sanción. A ausencia do cántabro obrigará de novo a Pouso a improvisar no lateral esquerdo, posición na que empregou xa a Pol Bueso, Campillo e o propio González. "Lo tengo clarísimo", asegurou ao ser cuestionado sobre se xa sabe quen ocupará esa demarcación fronte ao Sporting B.
Coa mesma contundencia pronunciouse sobre as posibilidades de dar minutos ao recentemente chegado ariete, que debutará despois de completar só dous adestramentos cos seus novos compañeiros.
A pesar de que os movementos do Pontevedra no mercado de fichaxes están a acaparar a atención da afección, no vestiario non queren descoidos e están centrados na competición. E por se a algún se lle ía a cabeza, o adestrador biscaíño deu ao seu equipo un toque de atención en forma de rifa ao finalizar o adestramento do mércores. "Así no ganamos ni uno de los 17 partidos que quedan. El entrenamiento de hoy ha sido una basura", dixo aos seus despois de reunilos no centro do campo da Seca, en Poio.
"Vi cosas que no me gustaron y ejercí mi trabajo como tutor. Soy el encargado y cuando los trabajadores no hacen el trabajo como yo creo que hay que hacerlo, hay que llamarle la atención. Como en cualquier trabajo", explicou Pouso as razóns dunha charla á que quixo quitarlle importancia. "El equipo habitualmente entrena bien pero el otro día no me gustó. En las horas de trabajo hay que estar al trabajo, no admito distracciones durante las dos horas que estamos. No creo que nadie se haya asustado", resolveu.
Neste sentido alertou aos seus do perigo que encerra o filial sportinguista. "Hay que ir con las orejas tiesas porque no es la primera vez que hacen un 5-0. Los filiales compiten como cualquiera de Segunda B, con jugadores muy buenos y con futuro importante por eso están en una cantera tan bien trabajada. No podemos mirar por encima del hombro a ni al Sporting ni a un equipo de regional", concluíu Pouso.
Pola súa banda, o Sporting B que segue ao Pontevedra na táboa con tres puntos de desvantaxe, afronta o encontro con certo ánimo de vinganza despois da derrota da primeira volta cun gol de falta directa de Álex Fernández sobre a bucina."Hay que olvidarse de revanchas y centrarse en el potencial de los chavales", declarou o técnico Samuel Baños.
ULTIMA HORA E LISTA DE CONVOCADOS
Case co tempo xusto chegou a noticia do alta definitiva de José García, que desde o club facíase oficial unha vez solucionados os trámites da súa cesión co Estremadura, club propietario dos dereitos do xogador. Deste modo, Pouso poderá contar cos seus dous novos discípulos xa no partido de Mareo, xa que tanto José García como Rufo foron incluídos na lista definitiva de convocados para viaxar a terras asturianas.
Esa lista, na que tamén está finalmente Álvaro Bustos, tras a conclusión do adestramento realizado na mesma mañá deste sábado antes de emprender viaxe, fórmana: Edu, Brian, Nacho López, Campillo, Jaouad, Víctor Vázquez, Pol Bueso, Naveira, Álex Fernández, Sana, Antón, Álvaro Bustos, Pedro Vázquez, José García, Rufo, Javi Pazos, Martín Diz e Romay.
Quedan fóra Adighibe, Berrocal, Javi López e Santi, por lesión, Álex González, por sanción, e Rivera, por decisión técnica, pendente de resolver a súa saída ao Arosa.