O Pontevedra CF meteuse nunha lea das gordas, caendo contra o Unionistas de Salamanca por 1-0 no último encontro da primeira volta da Primeira RFEF.
Aos de Antonio Fernández séguelles custando sangue, suor e bágoas facer un gol, pero na tarde deste sábado non só foi iso, senón que as chegadas de perigo a área rival puidéronse contar cos dedos dunha man e os disparos entre os tres paus brillaron pola súa completa ausencia.
Comezou o partido para o Pontevedra cun continuo sufrimento, asediado en portería por un Unionistas que saíu a por todas desde o asubío inicial. E é que non se cumpriron nin os cinco minutos e os locais xa tiveron tres oportunidades clarísimas das que os granates se salvaban polos pelos. A máis destacada foi de Juampa, que recibiu no punto de penalti un centro de De Miguel que deixou pasar Chapela, pero cruzouna en exceso e foise por fóra.
Tras eses primeiros instantes de incerteza e moito traballo defensivo, cambiaron as tornas e os granates, adiantando a liña de presión, fixéronse donos do balón, triangulando e logrando asomarse na área de Alberto e asustando por primeira vez cando se alcanzaba o cuarto de hora de xogo e obrigando á zaga local a intervir en dúas ocasións. A primeira para despexar un centro de Brais Abelenda e a segunda para facer o propio cun potente zurdazo de Álex González.
A partir dese momento o Pontevedra empezou a aproximarse con maior claridade, apostando polos centros sobre todo desde a banda dereita onde Oier Calvillo está afeito dar asistencias de gol. Con todo, os envíos non atopaban rematador e, en caso de atopalo, ningún granate era capaz de xutar entre os tres paus.
A réplica de Unionistas chegaba en forma de balón parado por unha man de Churre en liña de fondo cando caeu tras recibir un empuxón dun xogador rival que o colexiado decidiu non pitar. Sacaron a falta moi pechada, pero a defensa do Pontevedra estivo atenta e despexou sen excesivos problemas.
Entrou desta forma a primeira parte no desconto e os de Antonio tiveron a última ocasión coa que puideron inclinar a balanza ao seu favor. Yelko puxo un centro á cabeza de Charles, pero o brasileiro rematou demasiado desviado, enviando o encontro ao descanso tal como empezou.
Pero todo púxose costa arriba para o Pontevedra nada máis saír do vestiario. Tras unha falta un tanto dubidosa pitada polo colexiado, o balón quedou morto en área granate e, entre dous defensores, Óscar Sanz rematou para facer o 1-0 no minuto 46 que deixou xeados aos de Pasarón. E tivo o 2-0 o cadro local dous minutos despois, pero para fortuna dos visitantes o disparo de Borja foise polo lateral da rede.
Buscou a réplica ao momento o conxunto pontevedrés nas botas de Brais Abelenda, pero controlou mal e a chegada de posible perigo quedou en nada, mentres o cadro salmantino respondía da mesma forma cun disparo de Juampa que Álex González sacaba na liña de cal.
Co paso dos minutos os de Lérez foron perdendo fuel e o 2-0 estaba máis preto que o 1-1, polo que Antonio Fernández moveu pezas no verde para reverter a mala situación na que se meteu o equipo.
Con todo, as modificacións non produciron efecto e a zaga granate seguiu véndose excedida polo xogo rápido do rival. E puido sentenciar De Miguel diante de Cacharrón tras un pase filtrado entre a defensa de Beneit, pero o gardameta granate salvou nun man a man o segundo tanto rival cunha boa parada.
Pasaban os minutos, os nervios aumentaban e ao Pontevedra custáballe cada vez máis combinar e chegar a portería de Unionistas, pero atopaba nunha falta ao bordo da área un pequeno respiro aínda que o lanzamento de Yelko Pino foise alto.
Empezou a apertar o Pontevedra, xa desesperado, cando o partido entrou na recta final. Ingresou no verde Bakero para os granates e Pedraza para os locais, necesitados de defender esa pequena vantaxe no marcador que lles permitía pechar a primeira volta cunha vitoria que os afastaba en catro puntos dos postos de descenso.
E non sufriu en exceso o Unionistas, xestionando á perfección os últimos instantes para manter afastado o esférico da súa área e que o partido morrese en botas de Cacharrón.
Dura derrota do Pontevedra, que se afoga na zona vermella e necesita unha urxente reacción se quere saír dos postos críticos da categoría.
UNIONISTAS DE SALAMANCA (1): Alberto, David Vicente, Jon Vermello, Ramiro, Óscar Sanz, Juampa (Beneit, min. 60), Borja (Blázquez, min. 72), Tropi (Nespral, min. 60), Antonio Leal, Iván Chapela (Da Nava, min. 72) e De Migue (Pedraza, min. 85).
PONTEVEDRA CF (0): Cacharrón, Churre (Luís Martínez, min. 85), David Soto, Álex González, Brais Abelenda (Alberto Rubio, min. 62), Yelko (Miguel Román, min. 85), Oier Calvillo, Álex Masogo (Bakero, min. 74), Derik Osede (Martín Diz, min. 62), Charles e Borja Domínguez.
Goles: 1-0, Óscar Sanz, min. 46.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 19 do grupo I de Primeira Federación disputado na Nuevo Reina Sofía ante 3.017 espectadores.