O Pontevedra traspasa a David Castro ao Valencia

Pontevedra
15 de xullo 2019

O equipo granate iniciou este luns a pretemporada sen o lateral esquerdo titular da última campaña que se marcha ao filial valencianista tras chegar a un acordo que beneficia ás tres partes

Rolda de prensa de despedida de David Castro do Pontevedra tras a súa fichaxe polo Valencia
Rolda de prensa de despedida de David Castro do Pontevedra tras a súa fichaxe polo Valencia / Cristina Saiz

O Pontevedra iniciou este luns os adestramentos de preparación para a próxima campaña en Pasarón. Pero entre os trinta xogadores que se puxeron ás ordes de Luismi non estaba unha das revelacións do último curso.

O lateral esquerdo David Castro ten pechado a súa fichaxe polo Valencia para xogar no filial de Segunda B, o Valencia Mestalla. Así o anunciou en rolda de prensa a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, acompañada polo propio xogador e o director deportivo da entidade, Roberto Feáns.

Antes de que David Castro se despedira con emoción de todos os membros do club, con mención especial para os seus compañeiros, a presidenta e o director deportivo e a afección; Murillo explicou que o Pontevedra e o Valencia alcanzaran un acordo para o traspaso do lateral.

A pesar de que as cifras da operación non transcenderon e que a propia presidenta alegou que non se trata dunha boa noticia porque o Pontevedra non quería perdelo, o propio Castro afirmou que se trata "dun acordo bo para para todos".

"Teño moito que agradecer ao Pontevedra, fáiseme moi duro marchar", dixo contendo as bágoas o lateral que, tras ser repescado do Céltiga, pasou as tres últimas campañas defendendo a camiseta granate.

Ademais da suma que o Valencia pague ao Pontevedra polo traspaso, o conxunto de Pasarón incluíu unha serie de cláusulas no acordo que, en función do rendemento do xogador en Mestalla, poderían incrementar a cifra do traspaso. En función dos minutos xogados, se logra o ascenso de categoría ou consegue debutar co primeiro equipo, o montante global da operación veríase incrementado.

Con todo, coa marcha do lateral o Pontevedra terá que buscar un recambio de garantías no mercado. Con todas as fichas sénior asignadas, a única opción para reforzar a defensa pasa por contratar a un xogador sub 23 ou dar algunha baixa, algo que desde o club, en principio, non contemplan.