A Real Federación Galega de Fútbol organizou este mércores un encontro telemático entre os clubs galegos de Segunda B e Terceira co presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales, na que participou tamén o mandatario autonómico Rafael Louzán.
Durante o encontro, que se prolongou ata últimas horas da tarde, a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo; e o do Coruxo, Gustavo Falque; fixeron saber ao máximo dirixente do fútbol español a súa desconformidade coa decisión de dar por finalizada a liga regular en Segunda B.
Aínda que o contido da conversación non transcendeu, os conxuntos galegos séntense prexudicados por privarlles da oportunidade de disputar unha praza na fase de ascenso. O Coruxo porque se atopaba a só catro puntos da cuarta praza e o cadro granate, polo forte investimento realizado no mercado de inverno e a liña ascendente que levaba o equipo que o situaba en disposición de competir por un posto de playoff.
Ademais destas queixas, explican desde a Futgal que durante a reunión tamén trataron temas relacionados coa reestruturación da categoría, cos dereitos de televisión, coa problemática dos filiais e coa próxima tempada.
No encontro cos clubs de Terceira División, Rubiales garantiu a todos os presidentes que as subvencións para a próxima tempada serán proporcionais á actual. O volume total será menor, pero tamén se reducirán os gastos debido a que haberá menos partidos.
Sobre a confección dos grupos para a próxima tempada, analizaron os pros e contras do criterio de cremalleira proposto por Louzán, aínda que non se pechou a porta para manter o de proximidade xeográfica se os equipos o prefíren.
En referencia á fase de ascenso a 2ª B, Rubiales explicou que a súa intención é celebralos "dúas ou tres semanas despois" do reinicio da competición profesional e que o de Terceira realizarase despois do de 2ª B, polo que "ata ben entrado xullo non será posible", estiman. Para a seguridade nestes partidos, sinalou Rubiales que nun prazo de cinco semanas a RFEF publicará un protocolo propio para esta fase de ascenso exprés.