Loita, entrega, calidade e capacidade de superación. Unido á enteireza mental para superar as lesións de tres xogadores, Álex Fernández, Pablo e Jacobo, foron as armas dun gran Pontevedra para derrotar ao Somozas, con goles de Jacobo e Jandrín, nun partido moi completo dos de Luisito.
Gran primeira parte do Pontevedra, que puido deixar o partido practicamente resolto de estar máis acertado ante a meta contraria. Os granates puxeron o xogo e as ocasións fronte a un Somozas cuxo único recurso ofensivo consistiu en buscar a Mario Barco mediente balóns directos, coa esperanza de que puidese baixar algún e aguantar a chegada dos seus compañeiros, moi botados atrás.
Ademais, cando os visitantes tentaban sacar o balón xogado, caían vítimas da presión granate, incorrendo en erros nas entregas e perdas de balón en zonas de risco que puideron causarlle un verdadeiro roto.
E iso que os de Luisito viron como o infortunio en forma de lesións cebábase cos seus. En apenas dous minutos o Pontevedra perdía a Álex Fernández, que estaba a exercer de director de xogo, e que se retirou con visibles mostras de dor no seu xeonllo esquerdo, e logo a Pablo, lesionado ao recibir un golpe minutos antes.
Tras uns minutos iniciais de tenteo, pronto o campo comezou a inclinarse ao lado local. Borjas, nun bo remate de cabeza a centro de Verdú, daba o primeiro aviso. O balón marcharíase fóra por pouco. Pero non fallaría Jacobo, aproveitando un despexe defectuoso de Juani, rematando de volea coa dereita.
Apenas dous minutos máis tarde o Pontevedra puido facer o segundo, nun gran pase de Pablo Carnero a Jandrín, que encarou a Mandaluniz, pero cruzou en exceso, mandado o balón rozando o poste.
Os visitantes probaron fortuna por primeira e única vez mediado este primeiro tempo, nun disparo afastado de Mario Barco, que saíu desviado, sen perigo.
Logo volveuno a tentar Jacobo, ao fío da media hora. O seu disparo desde a frontal sacouno xunto ao poste Mandaluniz, enviando o balón a corner. Pero a máis clara tívoa Pablo Carnero. Roubou o balón, combinou con Borjas que regateou o porteiro visitante e cedeu atrás para o propio Carnero, quen a portería baleira rematou por encima do traveseiro.
Coas lesións de Álex Fernández e Pablo o Pontevedra pasou uns minutos de lixeiro desconcerto, pero traducidos unicamente en menos chegadas en ataque, pois en defensa o cambio de asignación na marcaxe, pasando a defender Campillo a Mario Barco, apagou as opiones ofensivas dun Somozas gris, e mesmo propiciou un par de contras desaproveitadas polos de Luisito.
Pero se o infortunio cebouse co Pontevedra no primeiro tempo, seguiríao facendo no segundo. Os granates, que mantiñan o mando, perdían ao seu terceiro home por lesión, ao resentirse Jacobo dos seus problemas musculares.
Luisito deu entrada a Queijeiro, comezando un exercicio de resistencia, na mesma medida que un exemplo de loita e entrega dos "sobreviventes". Baixando o ritmo e as pulsacións, rompendo o ritmo do partido, o Pontevedra defendeuse sen abafos fronte a un Somozas que apenas deu sinais de vida en materia ofensiva nun corner que rematou fóra, de cabeza, Antonio. O demais foi insistir nun fútbol directo, carente de elaboración nin argumentos, que terminou co conxunto visitante sen realizar un só disparo a porta entre os tres paus en todo o partido.
Ata que o traballo do Pontevedra atopou a recompensa aos seus méritos. Corría o minuto 79 cando Quejeiro rouba un balón, abre para Borjas que encara á defensa e serve ás costas sobre a chegada de Jandrín. Esta vez o asturiano non perdoou, cruzando o balón á base do poste.
Era a sentenza e un gol que facía xustiza ao mellor fútbol granate. O Somozas xa non tivo capacidade de reacción e o Pontevedra completou unha actuación digna de eloxio, premiada cunha xusta e pechada ovación pola súa afección, rendida á intensidade que o equipo puxo en todo momento.
PONTEVEDRA CF (2): Edu; Adrián, Pablo (Bruno, minuto 37), Campillo, Verdú; Kevin Presa, Álex Fernández (Pedro García, minuto 35); Jandrín, Pablo Carnero, Jacobo (Queijeiro, minuto 56); e Borjas.
UD SOMOZAS (0): Mandaluniz; Adrián (Quique Cubas, minuto 78), Juani, Antonio, Juanmi; Antón, Joseba; Remeseiro (David Rey, minuto 64), Antas, Añón (Pau, minuto 84); e Mario Barco.
Árbitro: Pablo Fernández Pérez (Asturias), auxiliado nas bandas por Juan Miguel Oses Arasa e Jonathan Romeu García. Amoestou a Pablo Carnero, polo Pontevedra, e a Adrián e Antón, polo Somozas.
Goles: (1-0) Minuto 14: Jacobo. (2-0) Minuto 79: Jandrín.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Preto de 3.000 espectadores.