O Pontevedra repite erros e resultado encomendándose a Pasarón para outra remontada (1-0)

Pontevedra
21 de xuño 2015

O Pontevedra tirou a primeira parte, na que foi moi inferior ao conxunto rioxano e o primeiro minuto da segunda, cun grave erro defensivo que aproveitou Suárez, o mellor xogador do partido. Logo espertou, dominó, xogou, acurralou o rival, que rematou cos seus once xogadores colgados do longueiro, pero unha vez máis fallou no remate

Equipo do Pontevedra que se enfrontou ao Haro Deportivo en El Mazo
Equipo do Pontevedra que se enfrontou ao Haro Deportivo en El Mazo / PontevedraViva
Declaracións de Luisito tras a derrota do Pontevedra ante o Haro Deportivo /

Os mesmos erros. O mesmo resultado. O ascenso pasa por Pasarón, por vencer o Haro Deportivo por dous goles e por afinar a puntaría ante o marco, que está a ser o lastre dos granates nos cinco partidos disputados de play-off.

O Pontevedra tirou a primeira parte, na que foi moi inferior ao conxunto rioxano e o primeiro minuto da segunda, cun grave erro defensivo que aproveitou Suárez, o mellor xogador do partido. Logo espertou, dominó, xogou, acurralou o rival, que rematou cos seus once xogadores colgados do longueiro, pero unha vez máis fallou no remate.

Tres partidos a domicilio e os tres co mesmo resultado negativo. Algo insólito na tempada e no momento máis inoportuno. A esperanza é que, se se xoga como na segunda parte, a remontada e con ela o ascenso é posible, coa axuda dunha afección que, tamén en La Rioja, foi de longo o mellor do equipo.

O mellor da primeira parte para o Pontevedra foi chegar ao descanso sen danos materiais e coa súa portaría a cero, despois de estar 45 minutos a mercé de dun Haro Deportivo que foi mellor, dominou e dispuxo ata de tres ocasións claras para poder tomar vantaxe na eliminatoria.

Firmes en defensa, dominando a zona ancha e explotando a velocidade polas bandas, especialmente pola dereita, onde Suárez foi un pesadelo para Anxo, que poucas veces tivo a axuda de Centrón, o equipo local non deu a máis mínima oportunidade a un Pontevedra perdido, con Jorge convertido nunha illa arriba, ben suxeito por Pirri, excesiva distancia entre liñas e sen que Mouriño, Pedro García ou Fran Fandiño conseguisen enlazar para crear xogo.

A consecuencia foi que os de Luisito apenas pisaron a área rival e cando o fixeron se perderon en centros sen perigo nin opción de remate, tanto que nin sequera lograron disparar a portaría.

O Haro Deportivo, que ademais contaba coa vantaxe adicional do vento a favor, aproveitaba as grandes dimensións do seu campo para abrir xogo ás bandas. Non obstante, o seu dominio tardou en concretarse en ocasións de verdadeiro perigo. A primeira chegaba superada a media hora, cando un centro lateral se pasea pola área pequena ata que Dani Gómez o remata, completamente só no segundo pau. Edu aparece para sacar unha man providencial e evitar o gol.

Pouco despois Pablo fai un cruzamento oportuno para mandar a corner unha internada de Olavarrieta. e pouco antes do descanso, o mesmo Olavarrieta ten a máis clara, pero manda ás nubes unha nova chegada por banda de Suárez, rematando dende o bordo da área de meta.

Pero se mal fora a primeira parte peor comezou a segunda. O Pontevedra saíu coa "caraja" e Suárez sacou petróleo da brandura e falta de intensidade na disputa dun balón dividido ata en tres ocasións.

Primeiro pérdea Centrón na zona de tres cuartos, incapaz de seguir ao seu par tras ese roubo. Logo Capi mete a perna sen forza no rexeitamento, deixando o balón morto e nin Anxo nin Mouriño son capaces de tapar a penetración do mellor xogador local, que dende a frontal solta un disparo raso e axustado ao poste dereito ao que non pode chegar Edu.

Ben foi por iniciativa propia do Haro, querendo rendibilizar o gol, ben porque ese tanto espertou o Pontevedra, os granates reaccionaron e se fixeron co control do balón. Seguían sen crear perigo, pero polo menos chegaban á área e mantiñan aos locais prudentemente repregados.

Luisito deu entrada a Tomás e o mozo cantirán colleu o temón. Gardando o balón, distribuíndo, abrindo bandas, marcando o tempo do partido, convertendo en inexplicable os poucos minutos dos que dispuxo durante a tempada.

Dunha longa xogada combinativa saía a primeira ocasión de perigo serio. Rematábaa Centrón, poñendo un balón que se paseou pola área de meta sen que Tubo puidese chegar por moi pouco para remachar.

O técnico granate recorreu a Pablo Carnero, tirando a Jorge á banda dereita, como fixera no partido anterior ante o Manzanares. E o Pontevedra seguiu mandando, expoñéndose a unha contra letal, pero xogando de forma case permanente en campo contrario. Movendo o balón con paciencia, de banda a banda, sen profundidade, iso si, pero polo menos deixando ver que tiña opcións.

E tívoas. Unha clara no minuto 80. Pablo Carnero dá un taconazo de luxo para habilitar a Jorge que se vai cara á meta, pero á hora de disparar dálle incomprensiblamente ao aire, caendo só e deixando escapar o empate.

Pouco despois Mouriño non acerta a rematar un gran centro de Campillo, a catro metros de portaría. Logo, no desconto, outra vez tena Jorge, pero o seu remate excesivamente cruzado, marcha fóra.

O Pontevedra repetía pecados (falta de puntaría) e o Haro remataba o partido encerrado na súa área e pedindo a hora, sufrindo pero facendo valer unha vantaxe que de novo obriga aos granates a unha complicada pero non imposible remontada en Pasarón.

CLUB HARO DEPORTIVO (1): Pérez (2); Zabala (1), Txejo (2), Pirri (2), Liébana (1); Suárez (3), Arpón (2), Viola (2), López (1); Dani Gómez (1) e Olavarrieta (2).

Substitucións: Unia (1) por Dani Gómez, min. 61. Cabreira (s.c.) por Zabala, minuto 85. Outeiro (s.c.) por Suárez, minuto 92.

PONTEVEDRA CF (0): Edu (2); Campillo (2), Pablo (2), Capi (1), Anxo (1); Pedro García (1), Mouriño (1);Tubo (1), Fran Fandiño (1), Centrón (1); e Jorge (1).

Substitucións: Tomás (3) por Fran Fandiño, minuto 55. Pablo Carnero (1) por Tubo, minuto 70.

Árbitro: Francisco Crespo Puente (Cantabria), auxiliado nas bandas por Alejandro Díaz Salces e Cristian Pérez Oruña. Amoestou a Pablo, Pedro García e Mouriño, polo Pontevedra.

Goles: (1-0) Minuto 46: Suárez.

Incidencias: Campo Municipal El Mazo (Haro-La Rioja). Partido de "ida" da eliminatoria final polo ascenso a Segunda División B. Uns 1.200 espectadores, dos cales máis de 200 eran seguidores do Pontevedra, chegados en dous autobuses e numerosos vehículos particulares.