A última hora da tarde, o Pontevedra anunciou novos movementos na planificación do plantel da próxima tempada. O conxunto granate fai oficial a renovación dos canteiráns Santi Figueroa e Martín Díz, así como do porteiro Álvaro Cortés.
Coa continuidade do gardameta que acabou gañándose a titularidade a metade de tempada, o equipo de Pasarón ten xa pechada a portería do próximo curso, na que Cortés terá que competir polo posto co recentemente fichado Cacharrón.
No apartado de altas, a dirección deportiva do Pontevedra confirma a fichaxe do lateral Diego Seoane procedente do Racing de Ferrol. O veterano lateral galego competirá por un posto no lateral dereito con Santi Figueroa.
O Pontevedra avanza deste xeito na confección do plantel que terá que loitar polo ascenso a 1ª RFEF á espera da contratación dun adestrador.