As conversacións de Milo Abelleira cos xogadores do actual equipo comezaron polos homes da zona defensiva. Ao longo de toda a xornada do mércores, varios dos futbolistas granates foron desfilando polas oficinas de Pasarón, onde o técnico os informou das pretensións do club con eles. Así, tras a baixa de Cristóbal Juncal, que non aceptou a oferta de renovación, chegou o acordo con Adrián Gómez, que se converte no primeiro xogador que integrará o equipo da próxima tempada.
A continuación chegou a quenda para Yago Vázquez, Lorenzo Riveiro, Iago Paz e Pablo González. A todos eles o club os propuxo un ano máis de contrato, e no caso do porteiro Lorenzo, ademais ese contrato sería renovado automaticamente en caso de ascenso a Segunda División B. Os catro xogadores quedaron en estudar a proposta e condicións e contestarán ao club nas próximas datas.
Para rematar esta primeira xornada de contactos cos xogadores, Milo falou tamén co xuvenil Bruno Rivada, que recibiu a proposta de adestrar durante a semana co primeiro equipo, correspondendo aos técnicos decidir en que equipo xogará.
As conversacións seguirán o xoves con máis xogadores.