O Pontevedra rende homenaxe ao espírito do Hai que Roelo para despedirse da Copa con honras (0-0)

Pontevedra
07 de xaneiro 2021

O equipo de Pasarón cae na quenda de penaltis fronte ao Cádiz, de Primeira División, ao que logrou poñer contra as cordas durante boa parte do partido. Desde os once metros, os amarelos fixeron pleno, mentres que Víctor Vázquez errou o quinto lanzamento dos granates

Partido de Copa do Rei en Pasarón entre o Pontevedra e o Cádiz
Partido de Copa do Rei en Pasarón entre o Pontevedra e o Cádiz / Mónica Patxot
Rolda de prensa de Jesús Ramos despois do partido de Copa do Rei entre o Pontevedra e o Cádiz /

Fan falta máis que noventa minutos, unha prórroga e un rival de superior categoría para roer a este Pontevedra. Sorte foi o ingrediente extra que atopou o Cádiz desde os once metros para facer caer ao equipo de Jesús Ramos. A escuadra lerezana soñou e fixo soñar á súa afección cun triunfo histórico, pero de novo a mala fortuna da quenda de penaltis no Fondo Sur cebouse cun central granate. Azparren xa sufriu esta maldición no 2006 contra o Sevilla B, hoxe foi Churre, máis ídolo que nunca dunha inchada que rompeu a corear o seu nome ao acabar o partido.

O Pontevedra demostrou que ten madeira de equipo grande, dos que dan a talla nos momentos delicados. Soubo sufrir contra un equipo de primeira división, soubo dominar o xogo e paralo cando era necesario e soubo tamén crear ocasións e poñer a pel de galiña ao seu rival, xeado polo frío e pola riada granate. O acerto que tivo o prometedor Cortés en momentos clave, foi o que lle faltou aos atacantes locais na área contraria cando chegou a súa hora.

Despídense os granates da Copa do Rey sen ser derrotados e coa moral polas nubes. Os de Pasarón, cun centro do campo mermado polas baixas, puideron machucar a un rival dúas categorías superior. E con canteiráns no terreo de xogo que deron a cara como veteranos. O soño copeiro toca ao seu fin, pero outro máis importante continúa con máis argumentos que nunca. O domingo, no mesmo escenario, contra o Guijuelo, outro episodio.

Comezou o Pontevedra como contra o Cartaxena na anterior rolda de copa. Tímidos pola presunta superioridade dun rival dunha categoría maior. E aínda que os visitantes levaron o peso do partido nos primeiros minutos, ben polo frío de Pasarón, ben polos cambios no once ou ben pola seriedade táctica dos granates, ese dominio inicial foise disipando.

Só foi necesario un córner a favor dos de Jesús Ramos, antes botara un o cadro andaluz sen perigo, para que tanto no campo como na bancada crésense que se lle podía pegar un bocado ao peixe grande. De feito, esa primeira chegada puido marcar un punto de inflexión no devir da eliminatoria se o colexiado sinalase man no despexe da defensa cadista que tanto a bancada como os xogadores locais reclamaron.

De novo tras un saque desde o recuncho volveu xerar sensación de perigo o Pontevedra. Combinaron a toda velocidade Jorge e Álex polo flanco esquerdo, pero o disparo do asturiano desde fóra da área bloqueouno o muro andaluz. Tamén de lonxe tentouno, antes de superar o minuto 10 da primeira parte. Óscar Fernández pero o seu disparo saíu desviado. O discutido extremo estivo moi activo durante todo o primeiro tempo. Nunca deixou de encarar aos defensas e buscar a liña de fondo, aínda que non sempre con éxito.

O Pontevedra seguía ao seu, alleo a que enfronte estaba un rival de Primeira División. Nun contragolpe tras outra chegada inocua do equipo visitante, Álex González puxo un pase medido ás costas de Keigo. O enorme central de orixe africana sucumbiu ante a velocidade do miúdo canteirán granate Martín Diz, que avanzaba como un raio cara á meta de David Gil. Na pugna co defensor, o atacante acabou na herba. Pediu falta con insistencia, pero o árbitro dixo que non pasara nada.

A confianza granate non deixaba de crecer, ata que un mal pase de Churre meteu de novo o medo no corpo á parroquia local. O seu inocente pase a Imanol Imanol foi interceptado, Álvaro Giménez aproveitou para gañarlle as costas e recibir na área, pero ao recortar ao central marinense, escorregou e o defensor granate pudop emendar o seu erro sen consecuencias. 

Aproveitou esas dúbidas o Cádiz para apertar o acelerador e un corner rematado por Jose Mari estivo a piques de adiantarse no marcador, pero Álvaro Cortés voou ata a escuadra esquerda da súa portería para evitar milagrosamente o tanto. Jesús pode estar tranquilo, hai recambio de luxo no arco granate.

E na posterior xogada puido adiantarse o Pontevedra, porque de novo Jorge e Álex conectaron para que o capitán granate, esta vez na banda dereita recortase cara a dentro, pero o seu disparo detívoo Gil.

Na refrega, o mediocentro Jose Mari caeu lesionado. Substituíuno Cervera por un dianteiro. Malbasic ocupou o posto de enganche e Bodiger retrocedeu ata o dobre pivote. O equipo amarelo notou o cambio e comezou a ser moito máis ofensivo e perigoso. Un choque do ariete recentemente ingresado puido acabar en penalti, daquela o lateral esquerdo Baró tentouno desde a frontal e Perea, nunha internada desdela esquerda, disparou ás mans de Cortés.

Sobreviviu o Pontevedra ao arreón visitante no segundo tramo da primeira metade. Mesmo Imanol puido dar vantaxe aos granates tras un saque de esquina que derivou nun barullo na área que o mediocentro non acertou a rematar.

Tras o paso por vestiarios, o Cádiz mantivo o dominio e a presión coa que rematou o primeiro acto. E nun córner tivo unha das oportunidades máis claras do encontro. Prolongaron os amarelos no primeiro pau e na frontal da área pequena caeu o balón a Malbasic para empuxala ao findo da rede, pero alí apareceu Zabaleta para estorbar e conseguir que o remate do balcánico fósese alto.

Moveu Jesús o banco para recuperar o control do xogo. Oier, Rufo e Xisco saltaron ao verde, pero o balear fíxoo para compartir con Imanol a medular granate. Produciron efecto as modificacións porque o Pontevedra volveu animarse e a visitar a área contraria. Como no centro que González puxo na cabeza de Calvillo, que cedeu atrás sen que aparecese ninguén ao remate. Si que chegou ao rexeite Xisco Campos que estrelou un trallazo na muralla amarela.

O paso do tempo, o cansazo, a inactividade duns e a sobrecarga de minutos doutros fixeron que o partido se abrise e comezasen a aparecer espazos. Así construíu Charles, cun control de peito, xiro e pase unha xogada que Imanol culminou con outro potente disparo desde a frontal que atallou Gil

A réplica tívoa o Choco Lozano, que entrou a falta dun cuarto de hora do final para volver tola á defensa granate. O colombiano atraeu a tres defensores na área para ceder ao segundo pau a Pombo, ambos recentemente ingresados no campo, cuxo remate puido bloquear Aitor para evitar o tanto visitante.

Nos minutos finais o medo para perder pesou máis que as ganas de vencer. Ningún equipo quixo correr riscos sen balón e foron contundentes en defensa para evitar sustos de última hora e encomendarse á prórroga. 

No tempo extraordinario puido o Cádiz finiquitar a eliminatoria na súa mellor combinación ofensiva. Pombo correu como un touro cara á meta granate, atopou a Adekanye no pico da área quen, cun toconazu sublime, deixou a Lozano só diante de Cortés. Pero o novo porteiro do Pontevedra foi capaz de aguantar o pulso, non se venceu, e logrou atallar o disparo centrado do ariete amarelo.

Foi o único do Cádiz en toda a prórroga porque, con máis alma e fútbol, que o seu rival, o Pontevedra puido selar o seu pase. Primeiro cunha volea de Álex González dentro da área que saíu desviada por pouco, daquela Samu, que non entendeu o pase da morte de Oier; e xa no segundo tempo unha dobre ocasión de González, con disparo cruzado, e Imanol, cuxo disparo de socato na área pequena desviou de forma milagrosa Gil a córner.

A balanza estaba inclinada ao lado granate, pero o gol non chegou e houbo que chegar á quenda de penaltis. O Cádiz fixo pleno. Malbasic, Pombo, Lozano, Akapo e Adekanye anotaron con seguridade. Xisco Campos, Rufo, Oier e Álex fixeron o propio. Todo estaba nas botas de Churre, que optou por un disparo colocado á esquerda da meta de Gil, que o gardameta cadista adiviñou e atallou sen apuros para salvar aos seus e espertar ao Pontevedra dun soño copeiro que, por méritos propios, debeu durar, polo menos, noventa minutos máis.

PONTEVEDRA CF [0 (4)]: Álvaro Cortés; Aitor Núñez (santi Figueroa, min. 90), Víctor Vázquez, Pol Bueso, Eneko Zabaleta; Imanol, Jorge Fernández (Xisco, min. 54), Óscar Fernández Oier, min. 54); Álex González; Martín Diz (Rufo, min. 54), Charles (Samu Vilariño, min. 92)

CÁDIZ CF [0 (5)]: David Gil; Akapo, Keigo, Mbaye, Baró (Jairo, min. 63); Jose Mari (Malbasic, min. 25), Garrido (Jonsson, min. 105), Perea (Pombo, min. 77), Bodiger, Alejo (Adekanye, min. 65); Álvaro Giménez (Choco Lozano, min. 77).

Árbitro: Soto Grado (La Rioja) auxiliado por Sobrino Magán (Castilla La Mancha) y Álvarez Fernández (La Rioja) amoestou a Xisco Campos, polo Pontevedra.

Goles: Na quenda de penaltis anotaron para o Cádiz: Malbasic, Pombo, Lozano, Akapo y Adekanye. E, para o Pontevedra: Xisco Campos, Rufo, Oier e Álex.

Incidencias: Partido da segunda rolda da Copa do Rei disputado no Campo de Pasarón (Pontevedra), con asistencia limitada a 500 espectadores por motivo das restricións sanitarias.