Aos poucos, o Pontevedra Club de Fútbol segue desvelando os nomes das súas novas incorporacións para a tempada 2020-2021. A última fichaxe en ser confirmada foi a do lateral dereito Aitor Núñez, procedente do Inter de Madrid.
O defensa madrileño de 32 anos ten unha longa experiencia na Segunda B. Xogou as dúas últimas tempadas no Inter de Madrid pero, previamente, militou no Lleida, o Rayo Majadahonda, a Cultural Leonesa, o Eldense, o Hércules, o Guadalaxara ou o Cádiz.
Ademais, durante a súa etapa no filial do Rayo Vallecano chegou a debutar en Primeira División e hai dez anos tamén xogou en Segunda División coa camiseta do Tenerife.
Na tempada recentemente finalizada, Aitor Núñez xogou 17 partidos co Inter de Madrid, alternando períodos de titularidade con suplencias. De feito, no seu partido contra o Pontevedra, disputado o pasado 5 de xaneiro, non foi titular e xogou a segunda parte.
Este é a cuarta fichaxe que anuncia a entidade granate para a próxima tempada, tras a chegada do porteiro Mario Fernández, o mediocentro Imanol García e o extremo dereito Óscar Fernández.