A enfermería de Pasarón vai baleirándose ao mesmo tempo que o adestrador granate, Luismi Areda, recupera efectivos. Para recibir ao Atlético Baleares o domingo ás 12.00 horas en Pasarón, o técnico recuperará a Romay e a Javi López, que non puideron viaxar a Eivissa por problemas físicos. En cambio, o que o ten máis complicado para entrar na convocatoria é Nacho López. O lateral está pendente da evolución dos problemas musculares na parte posterior da coxa da súa perna esquerda.
"Romay está ben", dixo o adestrador este mércores. O mediapunta, que sufriu un forte golpe no nariz no último partido disputado en Pasarón, saltará ao céspede o domingo cunha máscara protectora. "Está feita a mediada, é ligerita, non pesa e tampouco quita visibilidade", precisou o técnico. Tamén espera poder concederlle minutos a Javi López, que despois de recuperarse da súa grave lesión de xeonllo tivo que parar un mes por problemas musculares. "Está integrado xa co grupo, pero imos con precaución", remarcou o preparador, quen tamén espera ter en plenas condicións ao dianteiro Adighibe, que leva dúas semanas con molestias por unha escordadura leve de nocello.
Máis complicado está o regreso de Nacho López. "Vai progresando e cada vez está mellor, a ver como evoluciona", declarou Luismi, quen mostrou a súa plena confianza no canteirán Santi Figueroa se o lateral asturiano non se recupera a tempo. "Vén de xogar en terceira, é nova e está en etapa de aprendizaxe, de coller ritmo de 2ª B. Estou satisfeito con el, evolucionará cada vez máis e é un bo recambio para Nacho", engadiu.
BALANCE PRIMEIRO MES
A pesar da derrota da última fin de semana, o balance que fai Luismi do primeiro mes de competición do cadro granate é positivo. "De seis", cualificou o adestrador, quen valora gañar como local e que, a pesar das derrotas a domicilio, "as sensacións tampouco foron malas". Aínda así, Luismi espera que o equipo siga mellorando as súas prestacións. "Queda moito por diante e temos que ir en liña ascendente como a tempada pasada", declarou.