O Pontevedra recibe unha subvención de 160.000 euros da Deputación

Pontevedra
06 de xuño 2019

A resolución desta axuda, que o Pontevedra recibe como club deportivo de elite, foi entregada este xoves pola presidenta provincial, Carmela Silva, á presidenta do club granate, Lupe Murillo, coa que se reuniu no Pazo Provincial

Carmela Silva e Lupe Murillo na Deputación
Carmela Silva e Lupe Murillo na Deputación / Deputación de Pontevedra

Do mesmo xeito que a tempada pasada, o Pontevedra CF recibirá unha subvención de 160.000 euros da Deputación de Pontevedra.

A resolución desta axuda, que o Pontevedra recibe como club deportivo de elite, foi entregada este xoves pola presidenta provincial, Carmela Silva, á presidenta do club granate, Lupe Murillo, coa que se reuniu no Pazo Provincial.

Silva felicitou ao club pontevedrés pola boa tempada que realizou este ano, quedando sexto no grupo I da Segunda División B, e pola vitoria da súa filial na Copa Deputación, equipo que ademais logrou o ascenso a Preferente.

A presidenta provincial destacou que entidades deportivas como o Pontevedra actúan como "verdadeiros embaixadores" da provincia e que, a través dos seus desprazamentos e das competicións nas que participa, "levan o nome de Pontevedra" por toda España.

Estas axudas da Deputación a clubs de elite teñen un orzamento de 726.500 euros e, ademais do Pontevedra, son beneficiarios outros quince clubs da provincia, entre eles o Super Froiz de ciclismo, a Sociedad Deportiva Teucro de balonmán, o Poio Fútbol sala ou o Tenis de Mesa Monte Porreiro.