O Pontevedra publica o prezo das entradas para o último partido de liga fronte ao Deportivo: a máis barata, a 20 euros

Pontevedra
12 de maio 2023

Os abonados terán acceso preferente á venda de billetes entre o 15 e o 18 de maio, podendo retirar unha entrada con 5 euros de bonificación e outra máis a prezo normal, segundo anunciou este venres o club granate

Partido de liga entre o Deportivo e o Pontevedra en Riazor
Partido de liga entre o Deportivo e o Pontevedra en Riazor / Mosrey Fotografía

A falta de 15 días para o encontro, e aínda con dous partidos decisivos antes por afrontar, o Pontevedra Club de Fútbol publicou este venres o prezo das entradas para a última xornada de competición, coa visita do Real Club Deportivo ao Estadio Municipal de Pasarón (sábado 17 de maio).

O duelo, que pode resultar decisivo para ambos os dous equipos, terá o prezo dos billetes máis elevado da tempada, e venda preferente para os abonados da entidade granate.

Segundo explica o club pontevedrés, a venda de localidades activarase tanto en liña como a oficina de Pasarón o vindeiro luns 15 de maio, pero farao en exclusiva para o seu abonados ata o día 18 de maio. Os socios granates, cuxo acceso ao choque está incluído no carné da tempada, poderán retirar unha entrada para acompañantes con 5 euros de bonificación e outra máis ao prezo normal.

A tarifa fixada para o derbi é de 30 euros para a bancada de Tribuna, 25 euros para Preferencia e 20 euros para ambos os fondos, sendo o da bancada de Sur o espazo inicialmente destinado á afección visitante.

Será así tanto para o púbico adulto como para os menores de idade, cos que nesta ocasión non se fai distinción.

O resto do público, incluída a afección visitante a maiores das 900 entradas enviadas ao Deportivo para a súa venda directa na Coruña, poderá acceder á venda para partir do día 19 de maio.