O Pontevedra preséntase ante os seus afeccionados como "un equipo ambicioso"

Pontevedra
22 de xullo 2019

"No nos conformamos", asegurou o adestrador do primeiro equipo, Luismi, na presentación oficial da tempada celebrada este luns cun sinxelo acto na céntrica Praza do Teucro

Presentación oficial do Pontevedra CF 2019/2020
Presentación oficial do Pontevedra CF 2019/2020 / Diego Torrado

A céntrica Praza do Teucro foi o escenario elixido este luns polo Pontevedra Club de Fútbol para realizar a presentación ante os seus afeccionados da nova tempada deportiva que está a piques de comezar.

Foi un acto sinxelo, pero suficiente para transmitir aos seguidores granates toda unha declaración de intencións.

"Tenemos un equipo ambicioso, queremos seguir mejorando y no nos conformamos", sinalou na súa intervención o adestrador do equipo pontevedrés, Luismi.

Antes, o capitán Edu Sousa mostrouse confiado en que "este año conseguiremos nuestro objetivo", opinión baseada nas impresións que lle causan tanto o club como os seus compañeiros. "Me han transmitido ilusión, me han prometido trabajo y veo gente humilde", sinalou o gardameta tras os breves discursos de Rivera en representación da canteira e de Manolo Barreiro, histórico socio da entidade.

Os futbolistas do primeiro plantel, incluída a última fichaxe Brian Jaén, cruzaron a praza entre os afeccionados para subir ao escenario. Entre eles estaban tamén algúns canteiráns que se exercitan habitualmente co equipo, faltando entre estes nomes Iñaki, Pacheco ou os irmáns Barbeito, pendentes de definir o seu futuro. Tamén pisaron finalmente o escenario tanto a  persidenta, Lupe Murillo, como os seus compañeiros no Consello de Administración.

A presentación concluíu cun concerto dos Black Stones, banda local que celebra o seu 50 aniversario.