#EnchamosPasarón. O Pontevedra Club de Fútbol púxose mans á obra para intentar que o Estadio Municipal de Pasarón empurre como nunca para remontar a eliminatoria ante o Mensajero tras o 1-0 da ida.
O club granate presentou este luns o prezo das entradas para o choque, que se xogará o próximo domingo 31 de maio ás 18:00 horas, activando dende primeira hora a venda nas oficinas de Pasarón.
Os prezos, que segundo a presidenta Lupe Murillo "se fijaron en el Consejo hace 15 días", establecéronse en 15 euros para a bancada de Tribuna, 12 euros para Preferencia e 8 para os fondos.
Iso en canto ao público en xeral, cos menores de 18 anos achegando unha doazón de 1 euro coa que conseguirán ademais unha camiseta granate acudindo ao Hiper Froiz da rúa Cobián Roffignac.
En canto aos socios, deberán pasar por despacho aboando un suplemento de 5 euros, pero poderán acceder gratis ao estadio se compran unha entrada para un acompañante, mentres os subscritores júniors estarán exentos de pagamento.
Ademais, grazas á colaboración de varias empresas, as 1.000 primeiras entradas de Preferencia e en cada un dos fondos contarán con prezo rebaixado de 10 e 6 euros respectivamente.
Trátase, segundo Murillo, de "los mejores precios" do play-off froito dunha necesidade, "que se llene Pasarón". A presidenta recoñeceu que "espero que la ciudad responda", ademais de solicitar que a xente "se vista de granate".
As entradas poderán adquirirse de xeito anticipado nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón de luns sábado en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00, mentres o domingo os despachos abrirán de 11:00 a 14:00 e a partir das 15:30 horas.
Entre outras propostas presentadas polo club encóntranse un concurso de fotografía de animación, pola cal se repartirán 50 invitacións aos primeiros que envíen as súas imaxes a [email protected], ou a entrega dunha bandeira ás empresas que compren un paquete de 10 entradas para calquera bancada.
PROBLEMAS NO HOTEL DO EQUIPO NA PALMA
Segundo denunciou a presidenta granate, o equipo apenas puido durmir a noite antes do encontro en La Palma pola acción dun grupo de afeccionados do Mensajero, o que mesmo derivou en varias chamadas ás forzas de orde público "a las 2:00, 4:00 y 6:00 de la madrugada", sinalou.