O Pontevedra estreará rival esta fin de semana. Por se o feito de enfrontarse a un equipo descoñecido e co potencial económico e futbolístico que atesoura o Ibiza non fose un reto o bastante duro, Luismi debe afrontalo cunha liña defensiva moi escasa de efectivos. A lesión de Nacho López, que será sometido mañá a outra ecografía para ver o estado do seu isquio; e a expulsión de Campillo, que estaba no banco, fronte ao Sporting deixa ao canteirán Nacho Figueroa como único especialista de banda dereita. "Xoga de lateral dereito e dobra a posición con Nacho, o normal é que xogue el", comentou con naturalidade este mércores o adestrador granate, Luismi Areda.
Pero os problemas non quedan só no flanco dereito. Ademais do canteirán, Churre, Pol Bueso e Naveira son os únicos defensores específicos cos que o preparador vigués puido traballar esta semana porque Jaouad Erraji, a última incoporación do club, aínda chega esta noite a Pontevedra. "O bo é que non vén de estar parado. Estivo a adestrar e a competir. É a vantaxe que temos. Se vén en condicións e está ben, non debería ter problema", recoñece o técnico que espera poder incluílo na convocatoria.
Máis opcións terá para elixir os homes de ataque e mediocampo. O hondureño Alfredo Mejía segue completando sesións co grupo e adquirindo ritmo de competición e Javi López xa completa parte dos adestramentos co resto de compañeiros e este xoves quedará completamente integrado. Pola súa banda, Romay puido completar a sesión co grupo cunha máscara protectora para o seu nariz. "Imos ver como evoluciona e tomaremos unha decisión", explicou Luismi.
Na dianteira tampouco é segura a presenza de Adighibe, que arrastra unha escordadura de nocello desde hai semanas. "Hai que coidalo e ver que non volva torcer. Non ten nada máis grave que unha escordadura, pero está a darlle a lata", lamenta o adestrador.
Para a viaxe a Ibiza e o debut nun escenario descoñecido, Luismi dispón da información de Sana N' Diaye, que o ano pasado visitou as illas nas filas do Linense. "Nestas datas preocúpanos o tema da calor e que é o campo habitual deles, no que adestran e xogan", sinala Luismi, quen alerta da experiencia e calidade que atesouran os xogadores do próximo rival. "É un dos candidatos por persoal e orzamento a estar entre os catro primeiros. É un equipo ben traballado con ideas claras, calidade e desborde. Como te despistes, arriba teñen pólvora", alerta.