O Pontevedra ponse en modo Copa coa "máxima ilusión" e seguros de que "teremos posibilidades"

Pontevedra
20 de decembro 2022

O adestrador do Pontevedra, Antonio Fernández, evita dar pistas sobre o once que sacará o mércores ás 21 horas para medirse ao Tenerife, pero recoñece que a competición ilusiona o equipo. "As noites copeiras son moi bonitas e a afección ha de gozar", sostén o preparador

Antonio Fernández, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Antonio Fernández, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

O Pontevedra afronta este mércores unha das citas máis esperadas dos últimos anos. Coa vitoria do pasado domingo en Alxeciras que sitúa aos granates en condicións de competir con garantías pola permanencia en Primeira Federación, os granates céntranse agora na Copa do Rei. O Tenerife, da liga Smartbank (Segunda División), visita Pasarón este mércores ás 21 horas e os de Antonio Fernández soñan cunha vitoria que traia á Boa Vila na seguinte rolda a un dos grandes do fútbol nacional. 

"Na anterior eliminatoria fíxose o esforzo necesario como para gañar en Manresa e poder traer a Copa a Pontevedra. As noites copeiras son moi bonitas e a afección ha de gozar. Temos que afrontar a eliminatoria con moita ilusión, xogamos en casa contra un rival de categoría superior. Será un partido complicado pero se facemos as cousas ben, imos ter posibilidades seguro", asegura o adestrador do primeiro equipo granate.

Con respecto ao rival, recoñece Antonio Fernández que os maiores esforzos do seu curto corpo técnico centrouse en estudar ao Alxeciras e que non pensaron nos insulares ata o asubío final do pasado domingo. Con todo, tranquiliza aos seus xogadores e á afección asegurando que teñen ben controlado ao rival deste mércores. "É máis fácil conseguir información sobre o Tenerife e ver partidos durante a liga. Sabemos que poden sacar dous onces diferentes, que teñen moito fondo de armario e que non van tirar a copa", sostén o técnico.

Sobre o seu estilo de xogo, explica Fernández Rivadulla que "acumulan moitos xogadores en campo contrario en saída de balón e tampouco lles importa meterse en bloque baixo e contragolpear en transicións moi rápidas cos seus exteriores, pero iso é en liga, non sabemos en Copa. Tamén adoitan xogar cun 4 4 2 claro, con variantes con extremos a perna cambiada ou dianteiros potentes".

Ante esta situación, o preparador pide aos seus intelixencia. "Temos que estar moi concentrados e saber onde levar o balón cando o roubemos". Tampouco quere dar pistas sobre o plantexamento. "Poderemos atopar un Pontevedra atrevido que vaia a presionar alto a rival e desprotegerese ou un máis precavido. Nós estamos feitos para ter a pelota, pero temos que saber xogar sen ela", matiza Antonio.

Un factor que pode resultar diferencial é o tempo. As choivas caídas nas últimas horas deixaron o céspede de Pasarón en mal estado e aínda que pode parecer contraditorio, asegura o adestrador granate que "o campo nos prexudica, cando está ben podemos desenvolver un futbol diferente e as choivas están a complicar o mantemento do campo este ano". 

Como é habitual no seu discurso, o técnico preferiu non dar pistas sobre o once nin os xogadores dispoñibles para o partido. "Xogamos o domingo e o Tenerife fíxoo o venres. Nós viaxamos desde Málaga, houbo problemas no voo e chegamos a unha hora complicada. Poñeremos aos mellores e aos que estean máis aptos a nivel condicional. Cos que teñamos dispoñibles formaremos o once que creamos máis oportuno", respondeu ao ser cuestionado sobre rotacións para a eliminatoria de Copa. Os que non estarán serán os lesionados Seoane e Bastos, mentres que Borja Domínguez e Rubio serán dúbida ata última hora por diversas molestias físicas.