O Pontevedra ponse ao choio na planificación da próxima tempada

Pontevedra
22 de maio 2019

O club granate céntrase primeiro na parcela técnica e xa sentou con Luismi para achegar posturas para a súa posible renovación. Despois chegará a quenda dos futbolistas, dos que só 6 contan con contrato en vigor

Adestramento do Pontevedra
Adestramento do Pontevedra / Mónica Patxot

Tempo de negociacións no Pontevedra Club de Fútbol. A entidade granate, unha vez finalizada a competición, púxose a traballar na planificación da próxima tempada.

O primeiro aspecto por resolver sitúase no banco de Pasarón. Neste sentido no inicio da semana producíronse contactos con Luismi para coñecer a súa predisposición para continuar como adestrador do primeiro equipo e as súas pretensións, despois dun curso no que se cumpriu o obxectivo de pelexar ata o final por entrar no play-off de ascenso, aínda que non se conseguise o premio.

A súa é a primeira opción que se manexa, aínda que sobre a mesa existe un plan B no caso de que non se produza acordo entre as partes.

Despois chegará a quenda dos futbolistas, xa que se pretende contar coa opinión do adestrador para confeccionar o plantel. Aínda que se previu adestrar este mércores tras dúas xornadas de descanso, finalmente o último adestramento terá lugar este xoves en Pasarón.

Seis son os xogadores que contan con contrato en vigor, aínda que se tentará lograr a continuidade dun maior número de futbolistas negociando a súa renovación. Os nomes manteñen vinculación contractual co Pontevedra son os de Edu Sousa, Romay, Pedro Vázquez, Javi Pazos, David Castro e Mouriño. No caso de Castro cumpriu os obxectivos sinalados no seu contrato para prolongalo automaticamente por un ano máis, mentres que Mouriño renovou en decembro antes de marchar cedido ao Rápido de Bouzas.

Co resto falarase nos próximos días, xa sexa para presentar unha oferta ou para comunicar que non se conta con eles para o próximo proxecto deportivo.