O Pontevedra 'pesca' de novo no Compostela e ficha o central David Soto

Pontevedra
09 de xullo 2021

O defensor ourensán é a sexta fichaxe do equipo granate, que avanza na composición do seu plantel a pesar de non confirmar aínda ao seu adestrador

David Soto, no partido de Segunda División B en Pasarón entre Pontevedra CF e SD Compostela
David Soto, no partido de Segunda División B en Pasarón entre Pontevedra CF e SD Compostela / Cristina Saiz

Nova fichaxe no Pontevedra Club de Fútbol, que acelera na composición do seu novo plantel a pesar de non confirmar aínda ao seu adestrador.

O club granate anunciou este venres a incorporación de David Soto, defensa central que as dúas últimas campañas defendeu as cores da Sociedad Deportiva Compostela.

O defensor ourensán concluía contrato no cadro santiagués, e aínda que contaba coa opción de continuar terminou decidíndose pola proposta que lle fixeron chegar desde o Estadio Municipal de Pasarón, seguindo os pasos do dianteiro Brais Abelenda.

Soto concluíu a súa etapa de formación no Celta de Vigo, club no que debutou na Segunda B da man do filial celeste para despois pasar por Almería B, Boiro, Cerceda e Lorca.

Coa súa incorporación, a sexta neste mercado estival, son xa 17 os futbolistas confirmados polo Pontevedra para o seu próximo proxecto deportivo coas renovacións de Churre, Santi, Martín Diz, Álvaro Cortés e os canteiráns Iñaki e Pacheco, as fichaxes de Brais Abelenda, Diego Seoane, Javi Rey, Pablo  Cacharrón e Samu e os cinco futbolistas que contaban con contrato en vigor como son Charles, Rufo, Oier Calvillo, Álex González e Romay.