O Pontevedra persegue ante a Cultural Leonesa despedir o ano en postos de play-off

Pontevedra
19 de decembro 2015

Os granates reciben este domingo no Estadio Municipal de Pasarón (17:00 horas) á Cultural Leonesa, actual segundo clasificado. Un triunfo permitiría ao equipo pontevedrés pechar o ano en postos de play-off de ascenso a Segunda División

Luisito nun adestramento en Príncipe Felipe
Luisito nun adestramento en Príncipe Felipe /

Último partido do ano para o Pontevedra Club de Fútbol, que afronta ante a Cultural Leonesa un duro exame ao seu bo momento de forma.

O Estadio Municipal de Pasarón será escenario este domingo (17:00 horas) dun duelo que pode facer aos pontevedreses comer o turrón do Nadal en postos de play-off de ascenso a Segunda División.

Conseguirano, pase o que pase noutros campos, se gañan aos leonenes, actualmente segundos na táboa clasificatoria con tres puntos sobre os granates, quintos.

Non será con todo un reto sinxelo, posto que a Cultural non perde en liga desde o 27 de setembro en Tudela. Desde entón sete triunfos e catro empates contemplan a traxectoria do equipo dirixido desde o banco por Juan Fernando Fenoll.

Luisito non decidirá ata horas antes do partido a lista definitiva de 16 futbolistas, aínda que son seguras as ausencias de Álex Fernández por lesión e Kevin Presa por sanción.

O madrileño Fernando Bueno Prieto, colexiado recentemente ascendido a Segunda B, será o encargado de dirixir o choque entre dous dos clubs con máis historia na categoría de bronce do fútbol nacional.