O Pontevedra oficializa a renovación do seu capitán: Álex González seguirá dous anos máis en Pasarón

Pontevedra
27 de xuño 2022

O conxunto granate rompe o silencio que rexeu a actualidade do club durante o último mes co anuncio da renovación do extremo cántabro

Álex González, no partido en Pasarón entre Pontevedra CF e SD Compostela
Álex González, no partido en Pasarón entre Pontevedra CF e SD Compostela / Cristina Saiz

Álex González seguirá sendo o capitán do Pontevedra dúas tempadas máis. O conxunto granate rompe o silencio institucional que rexeu o día a día da entidade durante o último mes anunciando a renovación dun dos artífices do ascenso e tamén buque insignia da entidade.

"O Pontevedra CF traballa na configuración do plantel para a próxima tempada. Renova o seu compromiso co club para as dúas próximas tempadas o noso capitán Alejandro González Marañón, Álex González", recolle o comunicado oficial do club que foi difundido tamén a través das súas redes sociais.

O extremo cántabro, que leva xa seis anos na casa granate, firma por dous anos e, de cumprir o seu contrato, alcanzaría as oito tempadas como xogador do Pontevedra de forma ininterrompida, unha cifra á que chegaron moi poucos xogadores nos máis de 80 anos de historia do club.

O crecemento de González no club desde o seu desembarco en Pontevedra foi constante. Chegou coa bitola de extremo rápido e con desborde pero tardou en asentarse no once titular. E a condición de indiscutible non lla gañou ata a súa terceira campaña, a que se interrompeu pola pandemia da covid-19.

Pero foi ao ano seguinte cando deu un paso á fronte ao erixirse como líder do vestiario por aclamación tras a marcha de pesos pesados como Edu Sousa ou Álex Fernández. Sentiu como propio o mazazo da caída a 2ª RFEF cun equipo deseñado para ascender a Segunda e, lonxe de pensar nunha saída, marcouse o obxectivo inamovible de devolver ao Pontevedra á categoría bronce do fútbol nacional.

Non só conseguiu o obxectivo, senón que foi parte fundamental do éxito. Seu foi o gol que significou o ascenso na penúltima xornada contra o Salamanca cun Pasarón abarrotado. Non foi o único, o pasado curso anotou seis goles. Só se perdeu un partido por sanción e foi titular en 32 ocasións converténdose no terceiro xogador do equipo con máis minutos disputados por detrás dos centrais Churre e Soto.

Ademais, por necesidades do plantel, soubo actuar como lateral esquerdo cando o guion do partido así o requería para dar aínda máis profundidade en ataque a un Pontevedra de natureza ofensiva.

Comeza agora unha nova tempada na que o Pontevedra terá que facer fronte a rivais moito máis poderosos, en historia e capacidade económica, que o pasado curso pero Álex González, co brazalete de capitán no seu brazo esquerdo, seguirá tirando do carro granate.