O Pontevedra non estará só na Nueva Condomina

Pontevedra
22 de maio 2017

O club granate organiza unha viaxe para facilitar o desprazamento dos seus afeccionados ao choque do próximo domingo (19:00 horas) en Murcia

Público en Pasarón no primeiro partido Pontevedra-Murcia
Público en Pasarón no primeiro partido Pontevedra-Murcia / Diego Torrado

Complicado si, pero non imposible. Con esa idea o Pontevedra traballa xa pensando en remontar a eliminatoria de cuartos de final polo ascenso a Segunda División ante o Real Murcia, que se puxo costa arriba tras a derrota 1-3 en Pasarón.

Mentres o plantel volveu aos adestramentos, o club anunciou a organización dunha viaxe para facilitar o desprazamento dos seus afeccionadosa Murcia e lograr que o equipo non estea só o vindeiro domingo (19:00 horas) na Nova Condomina.

O prezo do desprazamento será de 25 euros (entrada incluída), tendo prioridade para anotarse os abonados. 

A saída dos afeccionados granates producirase na noite do sábado ao domingo (0:00 horas) desde o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar á conclusión do encontro.

Os interesados poden anotarse nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas ata o venres ás 14:00 horas.

CAPI ADESTRA CO GRUPO

O primeiro adestramento da semana, celebrado este luns en Príncipe Felipe, deixou unha boa noticia para Luisito coa volta ao grupo de Capi, que completou o adestramento ao mesmo ritmo que os seus compañeiros unha vez superados os seus problemas musculares.

Non foi así o caso de Mario Barco, que segue á marxe e será salvo contratempo o único ausente por lesión en Murcia. Futbolsitas como Jacobo Trigo ou Abel exercitáronse ademais con molestias derivadas do esforzo realizado o pasado sábado, pero espérase que, tras a xornada de descanso programada para este martes, poidan participar con normalidade na sesión preparatoria do mércores.