Vacacións merecidas para o Pontevedra Club de Fútbol, que se comerá o turrón en postos de play-off no momento clave da tempada.
Os granates chegan con boas sensacións ao parón de Nadal malia sumar só 2 dos últimos 9 puntos disputados en liga, pero o eliminar ao Cartaxena na Copa do Rei e clasificarse para a seguinte rolda supón un subidón de adrenalina para o equipo.
Desta maneira, Jesús Ramos dará descanso aos seus xogadores ata o luns 28 de decembro. Nove días de desconexión do Nadal, pouco máis dunha semana, para que os seus repoñan forzas e se preparen para o que vén o primeiro mes do ano.
Finalizarán a primeira volta e comezarán a segunda ante a súa afección, en Pasarón. O 10 de xaneiro recibirán a un Guijuelo (6 puntos) que só gañou un partido no que vai de liga e atópase na novena posición da táboa. Pola súa banda, o 16 de xaneiro comezarán a segunda volta contra o Racing de Ferrol (12 puntos), cuarto clasificado cun punto menos que o Pontevedra. Serán dous partidos crave para que os de Ramos regresen á senda da vitoria en liga.
Así mesmo, o traballo do cadro granate non só centrarase na competición ligueira xa que antes terán que enfrontarse ao Cádiz CF, tamén en Pasarón, a partido único a principios do ano (5, 6 ou 7 de xaneiro) no encontro correspondente á segunda rolda da Copa do Rei.
Un duelo para o que Ramos poderá contar cun Charles sancionado en liga e que cumprirá o seu último partido de sanción ante o Guijuelo. O que non estará será Adrián Cruz, que terá que esperar polo menos dous meses para recuperarse da súa lesión no abdutor, unha ausencia que se suma á de Romay, que xa se despediu da tempada ao romper o ligamento cruzado do seu xeonllo.