O Pontevedra intenta defenderse ante a acusación de supostas irregularidades no proceso de ampliación de capital

Pontevedra
03 de xuño 2013

O club granate remite unha nota aos medios na que, intentando defenderse da información publicada por PontevedraViva, vén a recoñecer que na primeira fase só se poden vender accións aos que teñen a condición de accionista

A información publicada por PontevedraViva o pasado venres, na que un grupo de afeccionados e accionistas denunciaban supostas irregularidades no proceso de ampliación de capital do Pontevedra C.F.S.A.D., encontrou resposta oficial por parte do club, que remitiu unha nota aos medios, a cal recollemos integramente a continuación:

"O Pontevedra CF garante a transparencia do proceso de ampliación de capital.

A primeira fase -na que a subscrición está aberta aos que xa posúen accións- rematará o día 13 deste mes.

Todos os ingresos quedarán reflectidos na contabilidade do club.

As oficinas do Pontevedra C.F. continúan traballando na ampliación de capital que deu comezo o 13 de maio e que ten por obxectivo garantir a viabilidade económica do club. Trátase dun proceso transparente que actualmente atravesa a súa primeira fase (na que poden participar os que xa dispoñen de accións) e que na segunda se abrirá a toda a cidadanía.

Nas oficinas do club estase a realizar un grande esforzo para que a ampliación chegue ao maior número de persoas posible, sobre todo de cara á segunda fase.

O procedemento lévase a cabo tal e como está estipulado no anuncio publicado no BORME, no que se establece un período de cinco días entre os dous períodos para comprobar que as peticións dos accionistas se efectuaron con todas as garantías e, se se dá o caso, para emendar calquera incidencia que puidese xurdir. Todos os ingresos estarán reflectidos na contabilidade do club sen que exista marxe para ningún tipo de irregularidade".

Ata aquí a nota do club. Non obstante nesta en ningún momento se desvirtúa a información publicada por PontevedraViva, se non todo o contrario, se recoñece que a venda de accións, ata o 13 de xuño, Sÿ se pode realizar a persoas que teñan a condición de accionistas, e non a terceiros, como se vén facendo e queda documentalmente comprobado na denuncia publicada por este medio.

Esa cuestión non é abordada nin aclarada en ningún momento polos responsables do club granate, co seu presidente á cabeza, que avalan unha forma de actuar que claramente contradí o seu propio comunicado e o contido do anuncio publicado no BORME (Boletín Oficial do Rexistro Mercantil).

O que si queda claro, pois, é que dende o mesmo club se avala o feito de que nesta primeira fase na que se encontra o proceso, unicamente os que teñan a condición de accionistas teñen dereito á compra de accións novas, non dando nin a máis mínima explicación da razón pola cal se están a vender accións a persoas que non teñen ese dereito, nin de quen foi a persoa responsable do club que ordenou ese modo de actuar.