Tarde-noite de festa en Cotobade. O campo de As Extremas vestiuse de gala para recibir o Pontevedra en partido correspondente á primeira rolda da Copa Deputación. Os granates impuxeron a lóxica da diferenza de categoría existente entre ambos os dous equipos, anotándose unha cómoda vitoria, pero o Caroi arrepor con dignidade e os seus xogadores e afeccionados que enchían a bancada, viviron unha xornada inesquecible, coa que soñaban dende que o sorteo os emparellou co conxunto granate.
Ambiente de gala, e máximo respecto, o que é de agradecer, por parte de Milo Abelleira cara ao rival, a pesar da súa modestia, e cara á mesma competición. O técnico granate desprazou a todo o plantel, facendo xogar a un equipo que moi ben puidera ser titular en calquera partido de Liga.
O resultado era o de menos. Os locais conformábanse con facer un bo papel, ademais de lograr unha boa recadación para aliviar a súa modesta economía, e a fé que o conseguiron, e o Pontevedra con pasar de rolda sen alardes, resolvendo o partido sen maiores problemas, despois de encarrilar o marcador moi pronto, e aproveitando a xornada coma se dunha sesión máis de adestramento se tratase, pero con público.
Iso si, partidos deste tipo ás veces serven para confirmar algunhas cousas, como por exemplo que xogadores como Javi Pazos piden a gritos maior presenza no once titular. O xoven dianteiro foi o auténtico protagonista do choque, con participación directa nos cinco goles do seu equipo, marcando tres deles e asistindo nos outros dous aos seus compañeiros.
Coa clasificación para a seguinte rolda da Copa Deputación, o Pontevedra xogará de novo a domicilio e farao fronte ao Cesantes.
CAROI, C.F. (1): Guti (Nico, minuto 46); David, , Kike (Chelis, minuto 59), Ramón, Álvaro; Maikel (Anxo, minuto 46), Areses (Chechu, minuto 83); Cortegoso, García (Iván, minuto 67), Chema; e Dani.
PONTEVEDRA, C.F.: (5): Lorenzo (Edu, minuto 65); Pacheco, Cristóbal Domínguez, Pablo (Yago Vázquez, minuto 46), Nano; Emilio, Moisés (Jacobo, minuto 46); Tubo (Adrián, minuto 46), Stefan (Cristóbal Juncal, minuto 46), David Pérez; e Javi Pazos.
Árbitro: Joaquín Baltasar González (Pontevedra). Non houbo amoestados.
Goles: (0-1) Minuto 10: Javi Pazos. (0-2) Minuto 23: Javi Pazos. (0-3) Minuto 36: David Pérez. (0-4) Minuto 55: Cristóbal Juncal. (1-4) Minuto 79: Dani. (1-5) Minuto 87: Javi Pazos.
Incidencias: Campo de As Extremas (Cotobade). 350 espectadores. Partido correspondente á primeira rolda da Copa Deputación.