O Pontevedra fixo público este luns a listaxe cos primeiros partidos de pretemporada. O equipo que dirixe Yago Iglesias volverá ao traballo o próximo 17 de xullo para preparar o inicio de liga en Segunda Federación previsto para a primeira fin de semana de setembro.
Para preparar o seu debut, os granates teñen marcados xa a disputa de catro encontros amigables contra rivais galegos. A falta dunha máis que probable ampliación da lista, os da Boa Vila disputarán o seu primeiro encontro o día 29 de xullo en Arteixo contra o Racing de Ferrol. É, por agora, o único partido fixado contra un rival de superior categoría.
A segunda cita terá lugar o 2 de agosto contra o Coruxo no Vao, a terceira será o 5 de agosto en Ribadeo contra o Racing Villalbés e a cuarta chegará o 12 de agosto en Negreira contra o Compostela.
Polo momento, ningún destes catro partidos amigables disputarase en Pasarón, aínda que o número de partidos de preparación prevese que aumente nos próximos días con, entre outros, a celebración do trofeo Luís Otero.
PRETEMPADA 2023 | Pontevedra CF
— Pontevedra CF (@PontevedraCFSAD) July 10, 2023
Unha semana para que dea comezo a preparación da tempada 2023/24
Amigables confirmados contra @racingferrolsad , @CoruxoFCoficial , @racingvillalbes e @SD_Compostela#PretempadaGranate#UnhaPAIXONqueSeCONTAXIApic.twitter.com/c2a2SCuNHJ
COPA RFEF
O club comunicou tamén este luns a súa participación na Copa RFEF. Unha competición que os granates xa gañaron en dúas ocasións e que abre a porta aos catro semifinalistas a participar na nova edición da Copa do Rey.
A competición comezará a disputarse no mes de agosto coa disputa da fase autonómica. Se a superan, os granates entrarán nos bombos da fase nacional, na que participan 32 equipos divididos en catro grupos de oito por criterios de proximidade xeográfica. Nesta fase, cada equipo deberá superar tres eliminatorias a partido único para clasificarse á final a catro que se disputa en sede neutras. Os catro equipos que alcancen esta rolda clasificaranse automaticamente para a Copa do Rey.