O Pontevedra expón aos seus accionistas unha ampliación de capital

Pontevedra
25 de maio 2023

O club granate vén de publicar unha convocatoria para unha xunta xeral de accionistas que se celebrará o próximo 28 de xuño. Nela, nun apartado extraordinario, o consello de administración pedirá permiso para ampliar o capital social da entidade

Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol
Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol / Mónica Patxot

O Consello de Administración do Pontevedra Club de Fútbol pedirá permiso aos accionistas da entidade para ampliar o capital social da entidade.

Farao nunha Xunta Xeral de Accionistas Extraordinaria que acaba de ser convocada e publicada no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, e que seguirá a unha Xunta Ordinaria na que se poderán ao día as contas da entidade ao 30 de xuño de 2022, ao peche da pasada tempada.

Máis aló da esperada xunta que responde o exercicio anterior e que se atopaba pendente, a sorpresa chega coa convocatoria extreordinaria. 

Nela, reza o texto publicado no boletín oficial, o Consello de Administración pedirá que se lle outorguen competencias para "ampliar o capital social una ou máis veces na contía, forma, data e condicións que estime oportunas, ata o límite máximo da metade do capital social no momento da autorización, sen previa consulta á Xunta Xeral e que deberá realizarse mediante achegas dinerarias dentro do prazo máximo dun ano para partir do acordo da Xunta".

No que respecta a a xunta ordinaria, o motico da mesma será o "exame e aprobación, se procede, das contas anuais (balance de situación, conta de perdas e ganancias, estado de cambios no patrimonio neto, estado de fluxos de efectivo e memoria) e do informe de xestión da sociedade, correspondentes ao exercicio social pechado ao 30 de xuño de 2022", así como a exposición do orzamento da tempada aínda en curso.

Ambas as dúas convocatorias terán lugar o mércores día 28 de xuño no Pazo da Cultura, con primeira convocatoria ás 10.00 para a reunión ordinaria e ás 12.00 para a extraordinaria na que se debaterá sobre a ampliación de capital proposta.