Trompazo, e dos grandes, para o Pontevedra Club de Fútbol no primeiro duelo da fase de ascenso a Primeira RFEF. O conxunto granates dominou durante todo o encontro e tivo opcións para sentenciar, pero deixou ao Deportivo Aragón revivir a balón parado cando estaba completamente superado. Os de Lérez trataron de remontar nos instantes finais, pero os maños, xa coa vitoria no peto, durmiron o partido a base de perdas de tempo e convertérono nunha obra de teatro.
Foi cauto o Pontevedra desde o inicio do encontro, deixando ao Deportivo Aragón levar o control da posesión para tentear as súas opcións e dar a sorpresa cando fose necesario.
A primeira chegada a portería rival foi precisamente do filial do Zaragoza. Chema fíxose co balón en banda dereita e colgouno en área visitante sen problemas para Edu Sousa. E na seguinte xogada os granates puideron desequilibrar a balanza tras unha gran combinación, pero Charly escorregouse e non puido finalizar.
A presión e ritmo inicial do conxunto maño foi baixando co paso dos minutos e era o Pontevedra o que pasaba a dominar aínda que sen apenas ameazar ao rival.
Eran donos do xogo os de Yago Iglesias e non foi ata o minuto 20 cando rozaron no gol. Bastos centrouna ao momento de penalti, pero Charly enganchouna mal e saíu demasiado alta.
Foi pouco antes da primeira xogada decisiva do choque. O Deportivo Aragón tivo problemas á hora de sacar o balón e Dalisson cazouna entre tres defensas, fixo un autopase e armou a perna para enchufar o esférico no interior da rede imposible de parar para Acín.
O máis difícil estaba feito, conseguir o primeiro tanto e con el a tranquilidade de fronte ao devir do partido. O Pontevedra tiña o mando e todo a favor para asentarse e ver pasar os minutos con toda a calma do mundo, e é que a calor xa pesaba en todos os xogadores e as seguintes xogadas apenas chegaron a incomodar a ambos os gardametas.
Despois do intermedio o control absoluto seguiu sendo do equipo adestrado por Yago Iglesias, que probaba sorte nos instantes iniciais do primeiro tempo con disparos afastados de Chiqui e Yelko que ían demasiado centrados.
Os maños, mentres tanto, víanse superados e apenas tiñan o balón e, cando o recuperaban, buscaban en longo aos xogadores de ataque para evitar calquera posible roubo dos granates preto da súa portería.
E foi alcanzada a hora de xogo cando chegou a xogada máis perigosa do segundo tempo. Jay correu a banda esquerda e puxo o centro na área pequena, pero Edu saíu moi ben ao corte e non houbo rematador.
Estaba a pasar factura ao Zaragoza B a temperatura e o terreo de xogo, mentres o Pontevedra seguía movendo o coiro dun lado a outro con total tranquilidade e esperaba o seu momento para matar o partido.
Con todo, as pantasmas do balón parado volveron e o guion do partido virou por completo. Vaquero púxoa desde a esquina, Pau Sans peiteouna ao segundo pau e Fabio Conte, recentemente ingresado no terreo de xogo, devolveu o empate.
O gol sentou como un xerro de auga fría para os granates e Yago Iglesias decidiu axitar o banco e dar entrada a Álex González e Rufo en lugar de Chiqui e Charly, pero de novo nunha acción a balón parado os locais derrubaron o castelo pontevedrés cun golazo de Vaquero de falta directa.
Víase o Pontevedra completamente superado pola parroquia local, que tratou de durmir o partido a base de perdas de tempo mentres os granates desesperábanse e trataban de imprimir velocidade coa entrada de Guèye e Borja.
Pero o Deportivo Aragón seguiu ao seu e converteu o céspede nun escenario e o encontro nunha obra de teatro que se alongou ata o minuto 100 e concluíu ao seu favor.
DEPORTIVO ARAGÓN (2): Acín, Vaquero, Jay, Pablo Cortés (Fabio Conte, min. 70), Pau Sans (Juan López, min. 92), Chema (Yohanner, min. 60), Mañas, Reda, Vacas, Juan Sebastián e Barrachina.
PONTEVEDRA CF (1): Edu Sousa, Bastos (Guèye, min. 88), Churre, Mario Gómez, Yelko, Chiqui (Álex González, min. 79), Samu (Borja, min. 88), Dalisson, Garay, Zabaleta e Charly (Rufo, min. 79).
Goles: 0-1, Dalisson, min. 28. 1-1, Fabio Conte, min. 71. 2-1, Vaquero, min. 84.
Árbitros: Pol Arenas Moura, auxiliado nas bandas por José M. Alcalde Mir e Antoni López Madern (Cataluña). Amoestaron a Yelko (74'), Samu (75'), Churre (83') e Dalisson (90+8) no Pontevedra.
Incidencias: Partido da fase de ascenso a Primeira RFEF disputado no Estadio da Romareda.