Loita sen premio para o Pontevedra Club de Fútbol, que caeu derrotado pola mínima ante un Marino de Luanco que se dedicou a defender e sacou petróleo da súa única chegada a portería local para levar os tres puntos.
Desde o asubío inicial, o Pontevedra impuxo o seu ritmo de xogo, mantendo o habitual dominio da posesión que obrigaba ao rival a replegarse e defender no seu campo propio para así atopar profundidade polas bandas ata pisar área rival.
Con todo, nin esa profundidade apareceu nin tampouco as xogadas de perigo, ofrecendo ambos os conxuntos un inicio de partido sen emoción e aburrido para o espectador no que os granates tentaron atacar sen dar co espazo entre unha sólida defensa do Marino.
E iso que en apenas dous minutos o Pontevedra creou unha boa ocasión por banda esquerda tras unha combinación entre Yelko e Álex, pero a zaga visitante encargouse de desbaratala.
Pasaban os minutos e as oportunidades seguían brillando pola súa ausencia. Garay, no minuto 10, disparou por encima da portería, e aí acabouse todo. Si que é verdade que os locais non sufrían en defensa, pero tampouco o facía o conxunto asturiano, que se limitaba a defender moi cómodo e sen apenas inquietarse.
Alcanzouse así a media hora de xogo e Yelko apareceu para dar un indicio de esperanza á afección de Pasarón. Roubou a carteira a Jorge García na media lúa e xutou entre os tres paus, obrigando a Denis a realizar a súa primeira intervención do encontro. Dous minutos despois, Chiqui fixo das súas pola esquerda e puxo un centro medido á cabeza de Charly, pero o gardameta visitante realizou unha gran parada de socato, desviando o esférico a saque de esquina.
Ao fío do descanso, o cadro local tivo outra oportunidade clara por medio do seu delantero, pero Denis volveu intervir para frustar a ocasión.
Tras o paso polos vestiarios, o Pontevedra foi outro e cambiou por completo a dinámica, asediando a portería rival e creando unha dobre ocasión clarísima para marcar en apenas uns segundos. Primeiro Dalisson, no 54, puxo o balón ao segundo pau e Charly rematou na área pequena rozando o traveseiro; e acto seguido, de novo o brasileiro, sacou un disparo raso que se foi lambendo o poste.
Reclamou o cadro local un posible penalti de Dailos sobre Chiqui no 57, e ata aí chegou todo. Yago realizou cambios, dando entrada a Rufo e Cambil en lugar de Iago Novo e Samu para xogar con dous dianteiros, mentres que Méndez respondeu substituíndo a Borja Fernández por Adolfo.
A pesar dos cambios, os de Lérez non cambiaron o rumbo do partido. Efecto contrario ocorreu nas filas do Marino na súa primeira chegada un tanto perigosa a área de Edu Sousa. Nada novo. Pase en longo entre centrais a Miguel Custa, que lles gañou en velocidade e, no man a man co porteiro local, asistiu ao recentemente ingresado Adolfo para que, a portería baleira, subise o 0-1 ao marcador.
Tentou espertar o Pontevedra despois do gol, pero o desacerto instalouse no equipo, que non atopaba solución aos seus males nin por activa nin por pasiva. Mario disparou alto no 72 e no 82 desatouse a polémica. Penalti clarísimo sobre Yelko que, para incredulidade da bancada e dos xogadores, o colexiado decidiu non sinalar. Aínda por riba, o 10 acabou amoestado por protestar.
Seguiron loitando os granates contra vento e marea, poñendo máis corazón que cabeza en busca dunha remontada heroica, pero nada lles saía. Denis realizou excelente parada para evitar o gol de Álex e, dous minutos despois, Rufo rematou por encima do traveseiro. Rares, no 88, tamén fallou a portería baleira, e Xabi, no desconto, sumouse á lista de oportunidades desperdiciadas.
PONTEVEDRA CF (0): Edu Sousa, Churre, Mario Gómez, Álex González, Iago Novo (Rufo, min. 60), Yelko, Chiqui, Samu Mayo (Cambil, min. 60), Dalisson, Garay (Rares, min. 80) e Charly (Xabi, min. 70).
CLUB MARINO DE LUANCO (1): Denis Díaz, Borja Fernández (Adolfo, min. 61), Pedro Orfila, Ignacio Matador, Óscar Fernández (Álex Muñiz, min. 80), Miguel Custa (Estabánez, min. 88), Alberto Lora, Dailos Tejera, Guillermo Sánchez, Jorge García e Ismael Cerro (Alexander Alemán, min. 80).
Árbitro: Omar Álvarez Rodríguez, auxiliado en bandas por Sergio Álvarez Pardo e Alejandro Fernández (Castela e León). Amoestaron a Samu Mayo (49'), Dalisson (64'), Yelko (82') no Pontevedra e a Ismael Cerro (66') no Marino de Luanco.
Goles: 0-1, Adolfo, min. 64.
Incidencias: Partido da xornada xornada 6 de liga no Grupo I de Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón #ante 1.962 espectadores.