O Pontevedra estrearase en liga o sábado ás 20:00 horas ante un Guijuelo que chega con dúbidas

Pontevedra
17 de agosto 2015
Actualizado: 17:34

O cadro salmantino só venceu en tres dos seus encontros de pretempada, aínda que entre esas vitorias destacan as logradas ante Burgos e Sevilla Atlético. Renovaron boa parte do equipo que logrou o quinto posto a pasada campaña e incorporado futbolistas como o pontevedrés Javi Rey ou o cántabro Julián Luque

Partido amigable entre Guijuelo e Mérida
Partido amigable entre Guijuelo e Mérida

Xa hai data e hora para o debut ligueiro do Pontevedra Club de Fútbol en Segunda B. O equipo adestrado por Luisito estrearase o próximo sábado ás 20:00 horas no Estadio Municipal de Pasarón ante o Club Deportivo Guijuelo.

O club pontevedrés confirmou este luns a hora do encontro, no que os granates recibirán un equipo salmantino que tras o seu quinto posto da pasada campaña no Grupo I, quere volver pelexar polos postos de honra.

Pero os de Rubén de la Barrera chegan ao inicio de liga con certas dúbidas, as que deixan algúns dos seus resultados de pretempada.

Durante o período de preparación o Guijuelo só sumou tres triunfos, dous ante rivais da mesma categoría como o Burgos (2-0) ou o Sevilla Atlético (2-1), ademais de contra o Unionistas Salamanca (3-2).

Pola contra a súa cuadrícula rexistra un empate ante a UD Logroñés (3-3) e derrotas ante Talavera (1-0), Alcorcón (0-2), Santa Marta de Tormes (4-1) e a máis recente, este fin de semana na súa presentación ante o Mérida (1-2).

Malia iso o conxunto xamoneiro conserva boa parte dos piares do equipo da pasada campaña e incorporou xogadores do talle do pontevedrés Javi Rey ou o cántabro Julián Luque.

Á primeira xornada de liga o Guijuelo chegará con polo menos unha baixa por lesión, a de Javi Barrio.

MONCHO, NOVO ADESTRADOR DE PORTEIROS

O Pontevedra pechou a composición do seu corpo técnico coa contratación dun novo adestrador de porteiros. Se trata de Ramón Martínez "Moncho", que ocupa o posto que deixou vacante Jaime García Formoso, a quen o club non renovou o seu contrato tras conseguir o ascenso.

Moncho é un home da casa, que defendeu a portaría do primeiro equipo, chegando a actuar en Segunda División na tempada 2005/2006, que acaba de colgar as botas como xogador en activo na tempada recén finalizada, na que defendeu as cores do Villalonga.

Tras confirmarse a súa contratación, o novo adestrador de porteiros incorporouse de inmediato ao traballo, participando na sesión de adestramento que o equipo realizou no campo de Príncipe Felipe na tarde deste luns.