O Pontevedra envórcase coa homenaxe a Yuri nunha emotiva xornada

Pontevedra
19 de setembro 2024

O estadio de El Toralín acolleu este mércores unha emotiva homenaxe a Yuri de Souza tras a súa retirada do fútbol profesional no que participou a entidade granate, o seu primeiro club en España. O brasileiro participou cos dous equipos e acabou compartindo equipo co seu curmán Charles, o seu irmán Igor e ata cos seus fillos

O Pontevedra participa na homenaxe a Yuri de Souza en El Toralín
O Pontevedra participa na homenaxe a Yuri de Souza en El Toralín / SD Ponferradina

Emotiva xornada, con grandes doses de nostalxia, a vivida este mércores no estadio do Toralín en Ponferrada na homenaxe preparada pola SD Ponferradina a Yuri de Souza pola súa retirada do fútbol profesional.

O Pontevedra Club de Fútbol, primeiro equipo en España do dianteiro brasileiro, foi convidado á xornada. Non podía ser doutra forma, e é que inesquecible segue sendo o ataque que formou en Pasarón co seu irmán Igor e co seu curmán Charles Dias. Os tres volveron compartir campo nuns minutos finais nos que tamén participaron os fillos de Yuri.

Antes de todo iso, e cun estadio envorcado, Yuri recibiu de mans da presidenta granate Lupe Murillo e do seu curmán Charles un cadro cunha das súas camisetas xunto á fotografía dun gol coa camiseta do Pontevedra.

No deportivo, o partido amigable entre Ponferradina e Pontevedra contou con dous partes diferenciadas. Na primeira os de Yago Iglesias partiron cun once no que repetían catro futbolistas con respecto ao domingo (Churre, Yelko, Chiqui e Garay), xunto a Manu Vizoso en portería e outros homes menos habituais nas primeiras xornadas como Igor, Jesús Cambil, Xabi Domínguez, Marqués, Rares e Charly.

Nos instantes iniciais Yelko topouse co traveseiro, e chegando á media hora Charly tamén estrelou un balón na madeira. Con todo o primeiro gol foi local, no minuto 34, obra de Jurgens.

Con 1-0 chegouse ao descanso, e na segunda parte chegaron novidades, con Yuri e Charles vestidos de curto co Pontevedra.De feito foi o agora membro da secretaría técnica granate o encargado de facer o 1-1 no minuto 61.

Con empate a un tanto entrouse nos últimos 10 minutos, nos que sobre o céspede compareceron algunhas lendas da Ponferradina e nos que se sumou Igor a Yuri e Charles, pero vestidos esta vez de branquiazul. Tamén Lyam e Ayrán, os fillos do homenaxeado. Marcaron os dous, como tamén o hzo o propio Yuri e Álex González e Rufo para o Pontevedra. Aínda que o resultado (4-3) era xa o de menos.