Oier Calvillo deixa de formar parte do Pontevedra. O extremo vasco abandona o club de Pasarón despois de tres tempadas nas que viviu o mellor e o peor do fútbol: un ascenso e dous descensos.
Chegou como unha das fichaxes chamadas a marcar diferenzas, pero por problemas persoais e falta de continuidade nunca puido ofrecer a súa mellor versión. Despois de tres tempadas e 77 partidos defendendo a camiseta granate, xogador e club decidiron de "mutuo acordo" poñer punto e final á súa relación laboral.
"O Pontevedra CF anuncia que o xogador Oier Calvillo, de mutuo acordo, deixa de prestar os seus servizos para a entidade. Desexámoslle a maior das sortes!", recolle o conciso comunicado co que o club informou da rescisión do seu contrato.
Unha baixa que colleu por sorpresa a boa parte da parroquia granate, que confiaba en que o habilidoso atacante guipuscoano brillase este ano sobre o céspede de Pasarón. Sobre todo porque ao final do pasado mercado de inverno, ambas as partes decidiron ampliar o contrato do futbolista por un ano máis antes de envialo cedido ao Calahorra, club próximo ao seu lugar de orixe no que volveu gozar de continuidade a pesar de non lograr o obxectivo da permanencia en Primeira Federación.
Ao longo das tres últimas tempadas, Calvillo alternou etapas de titular como longos períodos no banco. Houbo momentos, principalmente na súa primeira e segunda tempada, na que a presión por chegar como un xogador diferencial e non render como el mesmo esperaba afectou tanto á súa vida deportiva como persoal. Aínda así, seguiu traballando e recuperou o seu posto no once no tramo final do seu segundo ano en Pasarón, no que chegou a xogar como lateral dereito.
O pasado curso, con Antonio Fernández no banco volveu recuperar a titularidade, aínda que co paso das xornadas foi perdendo peso no equipo ata, nas últimas xornadas do mercado de fichaxes, acordar unha saída en forma de cesión ao Calahorra.
En tres tempadas, Calvillo anotou tres tantos como granate.
A marcha do extremo dereito deixa unha nova ficha libre sénior para reforzar o plantel de Yago Iglesias, que dispón polo momento de dúas prazas para xogadores sénior e catro para futbolistas sub 23 despois de que o club confirmase que tanto Víctor Casais como Valen Jaichenco terán ficha co filial.
A menos de 24 horas para o inicio da pretemporada, aínda é unha incógnita que ocorrerá este ano con Libasse Gueye, desde o club evitan desvelar cal será o futuro do xogador, que se non ocorre nada debería estar mañá no primeiro adestramento do equipo.