O Pontevedra desínflase tras o descanso ante un Racing de Ferrol máis rodado (1-5)

Pontevedra
29 de xullo 2023

Primeiro partido amigable da pretempada para o Pontevedra Club de Fútbol. Os de Yago Iglesias afrontaban unha esixente proba fronte a un Racing de Ferrol con case dúas semanas máis de adestramentos ás súas costas, e ese aspecto resultou decisivo na segunda metade tras un primeiro tempo que concluíu en táboas

Once inicial do Pontevedra no seu primeiro partido da pretempada, fronte ao Racing de Ferrol
Once inicial do Pontevedra no seu primeiro partido da pretempada, fronte ao Racing de Ferrol / Pontevedra Club de Fútbol SAD

Primeira oportunidade para comprobar as evolucións do novo Pontevedra Club de Fútbol adestrado por Yago Iglesias.

O conxunto pontevedrés desprazouse este sábado ata a localidade coruñesa de Arteixo para medirse ao Racing de Ferrol, recentemente ascendido a Segunda División. Era a primeira proba estival e quizais a máis esixente pola categoría do rival, máis rodado e con case dúas semanas máis de adestramentos ás súas costas.

Esa diferenza terminouse notando sobre o céspede, especialmente tras o descanso, pero antes os de Yago Iglesias deixaron motivos para a esperanza.

O primeiro once do técnico contaba con Edu Sousa en portería, Ángel Bastos, Mario Gómez, Garay e Zabaleta na liña defensiva, Samu Mayo e Yelko na medular, Valentín e Chiqui nas bandas ofensivas, Hugo Padín no enganche e Rufo na punta de ataque. Unha mestura de homes chamados a ser importantes, novidades e futbolistas do filial.

O duelo comezou con moito ritmo, a pesar de ser mes de xullo, e as ocasións non tardaron en aparecer para ambos os bandos sen que se chegase a materializar ningunha delas.

Foi así ata que no minuto 27 Rufo transformaba un penalti comentido sobre Valentín para adiantar o Pontevedra.

A vantaxe granate non aguantou ata o descanso, xa que nunha das últimas xogadas do primeiro acto Carlos Vicente remataba cruzado ao primeiro toque ao fondo da rede un certeiro centro desde o costado esquerdo para facer o empate.

Tras o paso por vestiarios o técnico do equipo pontevedrés puxo en liza un equipo practicamente novo para os segundos 45 minutos, no que só repetían Eneko Zabaleta e Garay (marcharían do campo no minuto 67 entrando no seu lugar Mario Constenla e Sergio Balea). Era momento de repartir minutos e entraron Manu Vizoso, Barbeiro, Churre, Charly, Álex González, Toño Calvo, Borja Domínguez, Víctor Casais e Iker Arango.

Os cambios non sentaron ben aos granates, que nun par de minutos viron como o seu rival, cunha marcha máis, completaba a remontada con dous rápidos goles de Iker Losada e Heber Pena. 

Víctor Casais puido recortar distancias no minuto 58, pero o seu gol foi anulado por unha falta moi protestada polos granates, e pouco despois o que chegou foi o 4-1 ferrolán por medio de Jesús Bernal, cun disparo desde fóra da área.

O resultado completaríao Carlos Vicente no último minuto co definitivo 1-5.

Con ese resultado chegaríase ao final do encontro. A seguinte cita da pretempada será a prevista o vindeiro mércores 2 de agosto fronte ao Coruxo no Vao.