O Pontevedra CF disputou este sábado no campo de Baltar o seu cuarto compromiso de pretemporada contra o Celta B, equipo de Primeira RFEF.
Antonio Fernández apostou nesta ocasión por un once formado por Álvaro Cortés, Ángel Bastos, Churre, Miguel Román, David Soto, Yelko Pino, Oier Calvillo, Alberto Rubio, Valen, Sergio Abal e Charles, mentres que o cadro vigués presentou a Coke, Thomas, Barcia, Martín, Beitia, Rey, Lautaro, Iker, Sotelo, Hugo Álvarez e Santi Prado.
Aínda que non houbo un claro dominador durante os primeiros instantes do duelo, foi o filial do Celta o que dispuxo das mellores ocasións. Primeiro unha falta perigosa que tirou Iker Losada á barreira e despois un penalti que cometeu Churre sobre Lautaro. Foi este o que, desde os once metros, bateu a Álvaro Cortés para adiantar ao seu equipo.
Co paso dos minutos o Pontevedra foise sentindo máis cómodo a pesar de ter o marcador en contra. Valen puxo a proba ao gardameta rival cun cabezazo para, minutos despois, conseguir a igualada.
Despois do paso polos vestiarios e a diferenza dos anterior encontros de pretemporada, Antonio decidiu non mover ficha no banco e saltaron ao terreo de xogo os mesmos xogadores que iniciaron o partido, depositando a confianza no seu once.
De feito, non foi ata o minuto 60 cando o técnico granate fixo os primeiros cambios dando entrada a Mario Ortiz, Víctor e Felipe por Yelko Pino, Valen e Soto, e no 70 a Martin Diz por Charles.
Un minuto despois da última substitución inclinou a balanza ao seu favor o equipo de Pasarón cun golazo pola escuadra de Miguel Román, que sacou un disparo desde fóra da área para coalo no interior da portería rival e asinar o 2-1 co que concluíu o partido.
Cabe destacar que a falta de 15 minutos para o final, Antonio Fernández meteu no campo a Borja Domínguez e Rachu e deu descanso ao goleador Román e a Alberto Rubio.
Ao finalizar o partido, o adestrador do Pontevedra resaltou "o traballo completo por parte de todos os xogadores" e admitiu que o equipo segue "na liña de crecemento que buscamos contra un rival da nosa categoría".
Quitou importancia ao resultado e destacou "os traballos tácticos da semana" e o realizado por "os xogadores da base. Todos os que participaron fixérono moi ben e é para estar moi contento".
O Pontevedra gaña en Portonovo o Trofeo Manolo Martín@CanteiraCeleste 1:2 @PontevedraCFSAD
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) August 6, 2022
Lauti 18' pen
Valen 30' e golazo de Miguel Román 71'
Partidazo con multitude de ocasións pic.twitter.com/U8zuOusntX