O Pontevedra coñecerá ao seu rival de Copa, que será de Primeira División, este venres a partir das 12.30 horas

Pontevedra
22 de decembro 2022

O sorteo, no que os catro clubs que participan na Supercopa de España serán emparellados con catro dos equipos clasificados de categoría máis baixa, poderá seguirse en directo a través das canles da RFEF

Partido entre Pontevedra CF e CD Tenerife en Pasarón da segunda rolda da Copa do Rei
Partido entre Pontevedra CF e CD Tenerife en Pasarón da segunda rolda da Copa do Rei / Cristina Saiz

O pase a dezaseisavos de final da Copa do Rei por parte do Pontevedra traerá un agasallo do Nadal moi espacial: Un rival de Primeira División.

Os granates descubrirán o nome do equipo ao que se enfrontarán na próxima rolda do torneo do KO, que se disputará entre o 3 e 5 de xaneiro, este venres ás 12.30 horas. O sorteo poderá seguirse en directo a través das canles da RFEF e tamén en Teledeporte e #Imos.

As bases de competición establecen que nesta fase da competición incorpóranse os catro equipos que disputarán en xaneiro a Supercopa de España (Real Madrid, FC Barcelona, Valencia CF e Real Betis). Estes catro clubs emparellaranse cos catro clasificados para esta rolda de menor categoría. Os restantes conxuntos das divisións máis baixas serán emparellados, na medida do posible, con equipos da máxima categoría.

A falta de oito eliminatorias por decidirse, o Pontevedra é xa un dos cinco equipos de Primeira e Segunda Federación clasificados para a rolda de dezaseisavos. Este número, en caso de pleno nesta xornada de xoves, pode ampliarse ata un máximo de once. Por iso, dado que 15 clubs de Primeira teñen asegurada xa a súa presenza nesta rolda, é seguro que Pasarón recibirá a visita dun equipo de elite.

O que non está asegurado, é que o seu rival saia do bombo dos catro participantes na Supercopa de España, entre os que se atopan brancos e blaugranas, os preferidos por boa parte do vestiario granate. Aínda que tamén hai voces que prefiren outros históricos como a Real Sociedade, o Athletic, o Atlético de Madrid ou o Celta. 

Esta nova eliminatoria resolverase a partido único na cancha do equipo de menor categoría.