Coller ritmo de competición, sensacións positivas, asimilar conceptos tácticos e evitar lesións. Adoitan ser os principais obxectivos dunha pretempada, e no Pontevedra Club de Fútbol este verán parecen terse cumprido.
O equipo granate traballa xa coa mente posta no debut ligueiro do próximo domingo 1 de setembro fronte ao Real Valladolid Promesas en Pasarón (19.00 horas), e faino con todos os seus efectivos dispoñibles.
Máis aló de pequenas molestias propias da época, apenas se produciron contratempos físicos durante a pretempada, e este mércores tras a habitual xornada de descanso os 19 efectivos con ficha do primeiro plantel pontevedrés adestraron con normalidade ás ordes de Yago Iglesias, secundados polo xogadores do filial que se exercitan en dinámica do primeiro equipo.
Unha situación idónea para o técnico, cun plantel curto polo momento á espera do que aconteza nas últimas horas do mercado de fichaxes.
Antes do venres día 30 de agosto o Pontevedra, data límite de inscrición de futbolistas, debería lanzarse luz sobre os asuntos pendentes no que respecta á planificación, con fichaxes no aire e especialmente no caso dun Borja Domínguez co que non se conta tras a súa renovación automática e que segue sen adestrarse cos seus compañeiros.
A partir desa data, só poderán ser rexistrados futbolistas en paro, situación que tampouco se descarta ao contar o Pontevedra con fichas libres no equipo.