O Pontevedra certifica o seu ascenso a Primeira RFEF cun empate en Palencia (1-1)

Pontevedra
15 de maio 2022

O Pontevedra CF certificou o seu ascenso a Primeira RFEF despois de logralo de forma virtual na xornada pasada. Os granates viaxaron a Palencia arroupados por un nutrido grupo de afeccionados que non quixeron perderse a celebración do salto de categoría

Partido entre Palencia Cristo e Pontevedra CF
Partido entre Palencia Cristo e Pontevedra CF / Mosrey Fotografía

O Pontevedra CF certificou o seu ascenso a Primeira RFEF despois de logralo de forma virtual na xornada pasada. Os granates viaxaron a Palencia arroupados por un nutrido grupo de afeccionados que non quixeron perderse a celebración do salto de categoría.

Chegou o Pontevedra co ascenso xa no bote e iso notouse sobre o verde, sobre todo nos primeiros minutos, onde dominou máis o cadro local con diversos achegamentos á área de Álvaro Cortés.

Pero a máis clara non chegou ata o minuto 7 de xogo. Centro desde a esquerda que Adri Pérez rematou incómodo entre dous defensores granates e non puido darlle dirección ao esférico. 

Sen présa seguía o Pontevedra, que tocaba con tranquilidade e movía o esférico dun lado a outro sen presión, deixando pasar o tempo e avisando con centros sen perigo.

O que si que puido adiantarse foi o cadro local, esta vez tas un roubo en defensa e o seu posterior contragolpe que chegou á banda dereita, desde onde Adri Pérez centrou cara a Frodo, que buscou de primeiras un remate que, de controlar o balón, quedaba nun man a man con Cortés e podía ser o primeiro do partido.

Estaba a xogar a súa mellor versión o Palencia Cristo, que se atopaba cómodo co paso dos minutos mentres o Pontevedra deixaba ocos á hora de defender. De feito, estivo outra vez preto de anotar o equipo local, pero o centro raso de Gallego desde a esquerda desbaratouno Churre, que enviou a saque de banda.

Perdían moi rápido o balón os xogadores de Ángel Rodríguez, que outra vez tiñan que correr cara atrás para defender as chegadas do rival. Iniciou xogada a defensa palenciana, que aproveitou un resbalón de Yelko Piñeiro para, cunha parede entre Frodo e Adri Pérez, plantarse diante de Cortés, que deixou o balón solto dentro da área e obrigou a Araújo a despexar a córner. Foi tras ese saque de esquina cando si que se adiantou o Palencia. Envío ao segundo pau cara a Javi Bueno que, cun remate pouco ortodoxo, enchufou o balón ao interior da rede. Corría o minuto 22 de xogo.

Despois do gol, o Pontevedra seguiu o mesmo patrón que ata o momento. Tocar e tocar para manter a posesión, evitar cometer erros e deixar morrer o tempo, mentres o Palencia, co marcador a favor, esperaba no seu propio campo cunha defensa posicional sen arriscar demasiado.

Aínda así chegou o gol dos granates non tardou en chegar. Córner sacado en curto e centro cara a Romay, que devolveu as táboas ao marcador pouco antes da pausa para a hidratación. 

Así se alcanzaron os últimos minutos da primeira metade. O Palencia seguiu facendo o seu xogo, saíndo desde atrás e buscando ocos que deixaba o Pontevedra para gozar das últimas ocasións. Rafa Gómez buscou no segundo pau a Silva, que non chegou, para despois avisar cun pase desde campo propio de Sellés, que enviou en longo a un Adri Pérez que non foi capaz de controlar.

Comezou o segundo tempo sen excesivo traballo para os porteiros. De feito, non foi ata alcanzada a hora de xogo cando chegaron as mellores oportunidades. Charles tívoa para o Pontevedra tras unha vaselina ao defensor do Palencia, podendo marcar un auténtico golazo. Despois respondeu o cadro local tras un roubo de balón a Javi Rey nun intento dos granates de iniciar desde atrás. Bueno viu a Cortés adiantado e buscou superalo por alto, pero precipitouse e disparou fóra.

Caían os minutos e sen presión continuaron os dous equipos. Gozou dunha nova ocasión o dianteiro brasileiro tras un centro raso de Calvillo, pero Charles chegou un pouco forzado ao punto de penalti e disparou moi frouxo mentres caía.

Con todo xa máis que decidido, Ángel Rodríguez decidiu dar minutos ao único integrante do primeiro equipo que aínda non xogara: Pablo López 'Lopo', que substituíu ao capitán Álex González para debutar coa camiseta granate.

Alcanzáronse así os últimos 5 minutos máis o engadido, durante os que o Palencia asediou a portería de Cortés. Con todo o resultado xa non se moveu máis e o Pontevedra certificou de maneira oficial o ascenso a Primeira RFEF mentres os locais festexaban o quinto debido a que lles outorga disputar o play off.

PALENCIA CRISTO (1): Guille, Silva, Morante, Arroyo, Frodo, Adri, Edu (Juan Moreno, min. 82), J. Bueno (Álvaro Gómez, min. 82), Rafa (Diego, min 53), Gallego, Selles.

PONTEVEDRA CF (1): A. Cortés, S. Araujo (Martín Diz, min. 71), Churre (Samu Santos, min. 71), Javi Rey, Álex González (Lopo, min. 79), Romay, Calvillo, A. Rubio (Santi Figueroa, min. 62), David Soto (Pacheco, min. 62), Charles, Yelko Pino.

Goles1-0 Javi Bueno (min. 22); 1-1 Romay (min. 28).