O Pontevedra 'cárgase' a Carlos Pouso

Pontevedra
18 de febreiro 2020

Os malos resultados das últimas semanas sentenciaron ao técnico vasco, que seguirá ligado ao club "noutras funcións ata final de tempada", segundo confirmou o Pontevedra nun comunicado

Carlos Pouso e Jesús Ramos no adestramento deste luns en Campañó
Carlos Pouso e Jesús Ramos no adestramento deste luns en Campañó / Cristina Saiz

Carlos Pouso deixou de ser este martes adestrador do primeiro equipo do Pontevedra Club de Fútbol.

Os malos resultados das últimas semanas, con 3 puntos de 24 posibles desde que se lograse a última vitoria a mediados do mes de decembro, terminaron por sentenciar ao técnico vasco.

"Tras os resultados inesperados dos últimos partidos e ante a necesidade de que se produza un cambio na dinámica do equipo, ambas as partes entenderon que o mellor para o club neste momento é que o adestrador deixe de dirixir ao equipo", explicou o club granate a través dun comunicado.

A pesar do seu cesamento como adestrado Pouso seguirá vinculado ao Pontevedra "noutras funcións ata final de tempada", segundo confirma a entidade de  Pasarón.

A súa substitución polo momento está na casa, e é que tal e como acontecese hai uns meses coa saída de Luismi, Jesús Ramos farase cargo do equipo para partir do adestramento previsto para este mércores 19 de febreiro no campo da Seca, en Poio.

Desta forma a etapa de Carlos Pouso á fronte do Pontevedra péchase prematuramente despois de só 14 xornadas, nas que os granates sumaron 4 vitorias, 4 empates e 6 derrotas (16 puntos), ademais da eliminación na primeira rolda da Copa do Rei.