O Pontevedra cae ante o Betis Deportivo e deberá remontar en Pasarón (1-0)

Pontevedra
26 de maio 2024

O Pontevedra Club de Fútbol perdeu o primeiro duelo da última eliminatoria polo ascenso a Primeira RFEF e deberá gañar en Pasarón. Ao conxunto granate custoulle entrar no partido e non foi ata a segunda metade cando se empezou a atopar cómodo para pasar a dominar, pero o asedio en área rival foi insuficiente e non conseguiu remontar o 1-0 anotado por Jesús Rodríguez na primeira e única chegada clara do Betis Deportivo a portería de Edu Sousa  

Partido entre Betis Deportivo e Pontevedra CF no Benito Villamarín
Partido entre Betis Deportivo e Pontevedra CF no Benito Villamarín / David Rodiño / Pontevedra CF

O Pontevedra Club de Fútbol perdeu o primeiro duelo da última eliminatoria polo ascenso a Primeira RFEF e deberá gañar en Pasarón. Ao conxunto granate custoulle entrar no partido e non foi ata a segunda metade cando se empezou a atopar cómodo para pasar a dominar, pero o asedio en área rival foi insuficiente e non conseguiu remontar o 1-0 anotado por Jesús Rodríguez na primeira e única chegada clara do Betis Deportivo a portería de Edu Sousa.

O encontro comezou co habitual tanteo e máximo respecto por parte de ambos os equipos, que se alternaban as posesións e eran incapaces de facer o seu xogo, o que se traducía en poucas chegadas a área.

Así se chegou ao minuto 15 de xogo, cando Chiqui tivo nas súas botas a oportunidade de poñer por diante ao Pontevedra tras unha gran acción pola esquerda. Recortou cara a dentro e buscou o pau longo, pero Guilherme, cunha gran estirada, desviou o balón a córner.

Respondeu catro minutos despois o Betis, frustrando por completo a un equipo granate indeciso e con dúbidas que vía freados os seus intereses. Avanzaron os verdibrancos e o balón chegou a Jesús Rodríguez, quen desde a esquerda aproveitou o espazo que lle deixou a defensa para cruzar o disparo e bater a Edu Sousa. Primeiro tiro a porta e primeiro gol.

Co paso dos minutos o ritmo foi baixando. A calor ía facendo efecto nas pernas dos xogadores e os locais, a pesar dos intentos do Pontevedra de facer dano polas banda esquerda, tiñan moi claro onde tiña que pechar e quen non podía recibir para así protexer a súa portería e evitar calquera acción de perigo.

O Betis aproveitaba a vantaxe no marcador para levar o control e os granates, pola súa banda, eran incapaces de aumentar a intensidade no xogo, cometían moitos erros á hora de transicionar e daban sensación de dúbidas en todas as facetas.

No arranque da segunda metade o guion cambiou por completo e o Pontevedra saíu disposto a igualar o partido cun Álex Gonzáleze un Yelko moi enchufados que protagonizaban as dúas primeiras accións de perigo.

Seguiron presionando os granates e comezaron a angustiar ao Betis, que sacaba as castañas do lume como boamente podía e librábase do empate porque o disparo desde a media lúa de Álex estrelouse na madeira. O rexeite cazouno Samu, pero o seu chute foise rozando o pau.

A seguinte oportunidade chegou desde o córner. Yelko puxo o balón no punto de penalti e Charly lanzouse para rematar de cabeza, pero o gardameta local atallou en dous tempos.

Así se chegou ao minuto 65. Jesús Rodríguez fíxose dono do carril dereito e avanzou con total liberdade ata chegar á liña de fondo, púxoa ao segundo pau e Yanis non logrou impactar co balón porque Garay estorboulle o xusto e necesario.

Aproveitou Yago Iglesias a pausa para a hidratación para facer un dobre cambio e deu entrada a Rufo e Zabaleta. O Betis Deportivo pechouse en defensa e o Pontevedra seguiu insistindo en ataque buscando combinar dun lado a outro para atopar a maneira de facer dano ao cadro local. E puido o madrileño devolver as táboas no 85 tras un centro de Dalisson, pero Guilherme tirouse ben abaixo e despexou a córner.

Ingresaron entón no terreo de xogo Borja Domínguez e Guèye coa intención de revolucionar a banda dereita co senegalés e vaia se o fixo. Tirou de velocidade e verticalidade e asediou por completa a área rival, pero pese á arrancada do Pontevedra, o marcador seguía sen moverse.

O colexiado engadiu cinco minutos ao partido e os granates buscaron manter o esférico o máis lonxe posible do seu propio campo, enviando balóns en longo ás bandas e forzando os lanzamentos a balón parado.

Pero o Betis Deportivo mantívose firme e solvente grazas a un gran traballo de Guilherme baixo paus que lle valeu para facerse co triunfo por 1-0.

O ascenso a Primeira RFEF decidirase no Estadio Municipal de Pasarón o 2 de xuño ás 18:00 horas.

BETIS DEPORTIVO (1): Guilherme, Ortiz, Andrés Caro, Mendy, Alcázar (Busto, min. 87), Mateo (Quique Fernández, min 60), Sorroche, Mawuli (Carlos Reina, min. 46), Souleymane (Berto Rosas, min. 72), Jesús Rodríguez e Yanis (Marcos Fernández, min. 87)

PONTEVEDRA CF (0): Edu Sousa, Bastos (Guèye, min. 87), Churre, Mario Gómez, Álex González (Zabaleta, min. 78), Yelko (Borja Domínguez, min. 87), Chiqui (Toño Calvo, min. 68), Samu, Dalisson, Garay e Charly (Rufo, min. 78).

Goles: 1-0, Jesús Rodríugez, min. 19.

Árbitro: Juan Francisco Roca Robles, auxiliado en bandas por Pedro Luis Nicolás Belmonte e Ismael Conesa Bernal (Murcia). Amoestaron a Álex González (71') no Pontevedra.

Incidencias: Partido de ida da última rolda do play-off de ascenso a Primeira RFEF entre Betis Deportivo e Pontevedra CF disputado no Benito Villamarín ante máis de 17.000 afeccionados.