O Pontevedra C.F. S.A.D. convocou ofialmente a Xunta Xeral de Accionistas na que se debaterá a situación da sociedade, ademais de someter á aprobación dos accionistas as medidas económicas necesarias para garantir a estabilidade económica do club, tras a finalización do procedemento concursal no que estivo inmerso.
A Xunta terá como escenario o Teatro Principal, a partir das 20,45 horas, do luns 15 de abril, cunha sesión ordinaria para aprobar as contas do exercicio finalizado o 30 de xuño de 2012, e outra extraordinaria para debater a ampliación de capital por compensación de créditos (transformación de débeda en accións), por valor de 701.000 euros, ademais da emisión de 200.000 novas accións dun valor nominal de 1 euro por acción, en ambos casos cunha prima de igual valor por cada acción emitida, o que significaría en caso de cubrirse na súa totalidade que o Pontevedra amplie capital en 901.000 euros, pasando a ter 961.000 de capital social e ingresando 200.000 euros adicionais para dotar ao club de liquidez.
En realidade realizaranse dúas Xuntas, unha con carácter ordinario e a continuación outra extraordinaria. Da orde do día da sesión ordinaria destaca o seu punto primeiro, que fai referencia ao "exame e aprobación, se é o caso, das contas anuais (balance de situación, conta de perdas e ganancias, estado de cambios no patrimonio neto, estado de fluxos de efectivo e memoria) e do informe de xestión da Sociedade correspondentes ao exercicio social pechado a 30 de xuño de 2012, así como da xestión do órgano de administración da Sociedade".
Unha vez finalizada a Xunta ordinaria comezará a extraordinaria, coa seguinte orde do día:
Primeiro.- Revisión presupostaria.
Segundo.- Aumento do capital social na suma de setecentos un mil oitocentos oitenta e un euros (701.881 euros) mediante a emisión e posta en circulación de setecentas unha mil oitocentas oitenta e unha (701.881) novas accións, por compensación de créditos, cunha prima de emisión ascendente, na súa globalidade, a setecentos un mil oitocentos oitenta e un euros (701.881 euros), a razón dun euro (1 euro) por cada nova acción emitida. Conseguinte modificación dos artigos 5 e 6 dos estatutos sociais.
Terceiro.- Aumento do capital social na suma de douscentos mil euros (200.000 euros) mediante a emisión e posta en circulación de duascentas mil (200.000) novas accións, consistindo o seu contravalor en novas achegas monetarias, cunha prima de emisión ascendente, na súa globalidade, a douscentos mil euros (200.000 euros), a razón dun euro (1 euros) por cada nova acción emitida. Conseguinte modificación dos artigos 5 e 6 dos estatutos sociais.
Cuarto.- Delegación de facultades.
Quinto.- Rogos e preguntas.
Sexto.- Lectura e aprobación, se é o caso, da acta da xunta xeral.
Recordar que poderán asistir persoalmente á xunta xeral os accionistas que acrediten ser titulares de polo menos seis accións, inscritas ao seu nome no Rexistro de Accións Nominativas da Sociedade con cinco días de antelación, como mínimo, a aquel en que haxa de celebrarse a xunta xeral. Os titulares de accións con número menor ao mínimo esixido poderán agruparse para alcanzar dito mínimo establecido.
Ademais, a partir da publicación da convocatoria, calquera socio poderá obter da Sociedade, de forma inmediata e gratuíta, os documentos que serán sometidos a esta, así como o informe de xestión e o informe do auditor de contas.