O Pontevedra B certifica o seu ascenso a Terceira RFEF

Pontevedra
07 de maio 2023

O filial granate adestrado por Jesús Ramos é xa matematicamente equipo de Terceira RFEF a falta de tres xornadas para o final da liga tras o seu triunfo en casa do Umia e a derrota do terceiro clasificado, o Xuvenil de Ponteareas

O plantel do Pontevedra B celebra a vitoria na casa do Umia que lle valeu o ascenso a Terceira RFEF
O plantel do Pontevedra B celebra a vitoria na casa do Umia que lle valeu o ascenso a Terceira RFEF / Pontevedra Club de Fútbol SAD

As cousas do fútbol. Nunha xornada na que o Pontevedra Club de Fútbol puxo pé e medio na Segunda RFEF tras a derrota do primeiro equipo en Talavera, o seu filial deixou a mellor noticia posible na casa granate certificando o ascenso.

O equipo adestrado por Jesús Ramos é xa, a falta de tres xornadas para o final de liga e para todos os efectos, de Terceira RFEF.

Os granates certificaron o salto de categoría tras vencer pola mínima na casa do Umia CF (0-1), cun gol de Santi Garrido no minuto 34.

O encontro disputouse en horario matinal, pero o ascenso demorouse ata ben entrada a tarde, xa que non se converteu nun feito ata o tropezo do terceiro clasificado, o Juvenil de Ponteareas, que cedeu no seu feudo contra o Vilalonga quedando a 10 puntos do Pontevedra con só tres partidos máis por disputarse.

O premio a unha gran tempada na que o filial demostrou a súa solidez perdendo unicamente tres partidos de liga e na que ocupa a segunda posición con 70 puntos só superado polo Barbadás (74).