Aposta pola experiencia no Pontevedra Club de Fútbol na segunda das súas fichaxes, tras confirmar este mércores a incorporación de Pol Bueso.
O defensor, de 34 anos de idade, comprometeuse cos granates para as dúas próximas tempadas.
Bueso é un futbolista de ampla experiencia en equipos punteiros da división de bronce. Procede do Hércules de Alicante, onde xogou as tres últimas tempadas, pero ás súas costas figuran ascensos a Segunda División co Albacete (2013/2014), Nástic de Tarragona (2014/2015) e o UCAM Murcia (2015/2016).
Cumpre varias das esixencias buscadas pola dirección deportiva do Pontevedra para ocupar unha das dúas fichas sénior que aínda tiña dispoñibles, tras a fichaxe de Sana N'Diaye, que é ademais da experiencia que pode achegar que pode actuar tanto de defensa central, a súa demarcación principal, coma de lateral zurdo.
A última das fichas sénior dispoñibles, se non se producen saídas, será ocupada a priori polo dianteiro centro.
Na súa última campaña en Alacante, Pol Bueso non gozou da regularidade doutros anos, con só 10 partidos disputados, todos eles de titular. De feito non volveu xogar desde o mes de xaneiro e concluíu a tempada sen oportunidades tras unhas declaracións que levantaron polémica na contorna do Hércules ao recoñecer a súa simpatía polo veciño Castellón, onde se formou como futbolista.
As fichaxes de Bueso e N'Diaye supoñen un importante avance na composición dun plantel no que tamén están confirmados Churre, Javi López, Berrocal, Campillo, Álex González, Álex Fernández, Nacho López, Pedro Vázquez, Edu Sousa, Romay, Javi Pazos, David Castro y Adrián Mouriño.