Con tensión, intercambio de reproches e malas palabras entre as dúas principais faccións do accionariado granate. Así transcorreu a xunta xeral de accionistas do Pontevedra Club de Fútbol SAD no que se aprobaron unhas contas que de novo volven deixar beneficios nas arcas da institución e na que se confirmou a marcha, ao expirar o seu mandato, de tres conselleiros: Alberto Argibay, José Antonio Millán e Pablo Galván.
No seu lugar, de acordo cos estatutos do club, entran José Luis Tilve, José Manuel Fernández e José Luís Uhía Castro, coñecido no mundo do fútbol como Piscis. As tres novas incoporaciones representan a un conglomerado de accionistas, entre eles os dirixente da empresa Meañomar ou o expresidente Mauricio Rodríguez Boullosa, que superan o 34,5 % do accionariado total da sociedade polo que teñen dereito a elixir a tres membros do Consello de Administración.
As outras sete persoas que compoñen o órgano directivo son Lupe Murillo, cuxo servizo non conclúe ata febreiro do 2020; Luís Durán, que renovou o seu mandato no 2018 ata o 2023; e Ricardo Tilve, Enrique Mariño, Juan Abal, Manuel Ruibal e Roberto Feáns, que renovan o seu compromiso coa entidade para o próximos cinco anos, despois de ser elixidos por unanimidade do 87 % do accionariado reunido na tarde deste luns na sede de Afundación en Pontevedra.
Antes da renovación destes cinco conselleiros, a presidenta Lupe Murillo quixo poñer en valor a xestión realizada por todos os membros do consello, incluídos os conselleiros saíntes, ao longo do último lustro. "É o mellor Consello que tivo este club no últimos vinte anos", subliñou non sen recoñecer as diferenzas persoais que mantén con algún deles, pero que souberon deixar ao carón "para traballar xuntos polo ben do Pontevedra". Dos tres saíntes, dixo Murillo "que me encantaría que repetisen".
As normas impiden a renovación de todo o Consello, o novo grupo accionarial que manexa un 34,5 % do capital social exerceu o seu dereito para nomear, sen necesidade de votación, a tres conselleiros. Aos que Murillo tamén lle dedicou unhas palabras. "Espero que desde dentro acheguen máis que desde fóra. Non vou permitir filtracións porque hai deber de silencio e só vaise a traballar por e para o club", advertiulles despois dunha xunta na que acusou os tres novos conselleiros e ás persoas que os apoian de impugnar todas as accións do club e levalos aos tribunais cada vez que ven a oportunidade.
O acto comezou con máis de media hora de atraso por un erro á hora de contabilizar o número de accionistas presentes e a que títulos representaba cada un dos presentes na sala. Así, a presidenta deu por comezada a xunta enumerando un a un as persoas presentes na sala e o número de accións no seu poder. "Eu son a persoa con máis accións da entidade", puntualizou, para engadir despois que "tamén represento á empresa con máis accións". Segundo os datos que ela mesma leu, é titular de 572.445 accións , o que supón o 53 % do total das accións da Sociedade Anónima Deportiva.
A débeda actual do Pontevedra CF é de 1.150.000 euros
CINCO ANOS DE SUPERÁVIT
O primeiro punto do día, no que comezaron as friccións cos tres novos conselleiros, foi a repetición da votación das contas do curso 2016/17 impugnadas por este grupo por un defecto de forma. As contas que arroxaran un beneficio de 43.535 euros e unha redución da débeda a curto e longo prazo de 74.000 euros volveron ser aprobadas. Con todo, o sometemento das mesmas a un auditor motivou o rexeitamento dos tres novos conselleiros que, apupados e insultados en repetidas ocasións polo resto de accionistas presentes na sala, entenden que deben ser auditadas antes do peche de cada exercicio, non despois da súa formulación e aprobación.
As contas da tempada recentemente finalizada, a 2018/2019, arroxan un beneficio de 31.613 euros. Pola contra a débeda a curto prazo subiu en 61.000 euros. Unha anomalía que o conselleiro encargado da área económica, Enrique Mariño, explicou aos presentes. O conxunto granate, por atrasos da Deputación e o CSD, deixou de recibir neste exercicio nos prazos previstos ao redor de 270.000 euros no pago de subvencións. Para paliar este desequilibrio, o club solicitou un péstamo por valor de 250.000 euros, que xa resolveu unha vez cobrada a débeda coa entidade provincial polo premio derivado da vitoria do Pontevedra B da Copa Deputación. Con todo, segundo Mariño, o Consello Superior de Deportes aínda debe ao redor de 89.000 euros ao club granate en concepto de subvencións que non se desbloquean pola falta de Goberno. Doutra banda, a débeda a longo prazo caeu un 1,94 % e se stúa en 633.693 euros.
No apartado de ingresos figuran tamén 83.000 euros extraordinarios das vendas do porteiro xuvenil Carrillo ao Barcelona, David Castro ao Valencia Mestalla e a resolución do contrato de Darío Flores. "Ata un millón de euros", pode reportar ao Pontevedra o traspado do seu prometedor gardameta ao conxunto azulgrana, detallou o conselleiro.
No apartado de gastos, Mariño detívose na partida de soldos e salarios, que na 18/19 subiu un 59 % ata situarse nos 635.001 euros. "Para ter mellor equipo hai que investir. Viñeron dous xogadores cedidos de Segunda División e gratis non veñen", xustificou.
Para concluír a súa exposición, Mariño botou man dunha comparativa do último lustro no que o Consello de Administración logrou un total de 191.000 euros de beneficio que se destinou a reducir a débeda, incrementou o valor do club ata os 679.000 euros desde os 8.000 euros negativos do 2014 e reduciu a débeda en 600.000 euros (de 1,7 a 1,1 millóns).