O Pontevedra CF SAD aprobou este luns en xunta xeral de accionistas as contas do último exercicio e o orzamento para a presente tempada. Nunha convocatoria que se atrasou varios meses con respecto á súa data habitual polas restricións sanitarias, o consello de administración volveu a pechar por sexto ano consecutivo unhas contas con superávit, algo que prevén realizar tamén ao finalizar a presente tempada.
A sesión serviu tamén para renovar por cinco anos o mandato da presidenta Lupe Murillo á fronte da sociedade despois de cumprir o seu ciclo de cinco anos como conselleira.
O primeiro punto do día estivo relacionado coa aprobación da conta de perdas e ganancias e o balance correspondente á tempada 2019/2020, que se pecharon cun beneficio de 1.894 euros. Con todo, estas cifras motivaron as queixas dos dous conselleiros críticos coa xestión de Murillo e que antes da votación de cada un dos puntos da orde do día avisaron de que as impugnarán nos xulgados.
As razóns do escaso beneficio conseguido no último curso achacounas Enrique Mariño, conselleiro encargado da área económica, ao estalido da pandemia que reduciu drasticamente algúns ingresos previstos como o de despacho de billetes.
Doutra banda, o conselleiro volveu facer fincapé en que o Pontevedra volveu a reducir a súa débeda, que se sitúa en 991.277 euros. A redución desta cantidade foi drástica no apartado de débedas a curto prazo que pasou dos 516.000 euros do curso 2018/2019 aos 359.000 cos que se pechou o 2019/2020. Neste sentido, Mariño destacou que antes do concurso de acredores a débeda do Pontevedra era de 3,4 millóns de euros e que co actual consello de administración, seis anos de xestión, baixaron a barreira do millón de euros.
No apartado de gastos puntualizou o conselleiro económico a presenza dunha partida de 17.000 euros correspondente ao pago do traspaso do dianteiro Rufo, chegado no mercado invernal do 2020 a Pasarón procedente do Internacional de Madrid.
Aprobado o apartado das contas, chegou a quenda de analizar o orzamento da presente tempada cuxa execución estará marcada pola evolución da pandemia. Fixo referencia Mariño á "incerteza" que marcou a planificación da campaña e, aínda que lograron manter a maior parte dos ingresos comprometidos, existen partidas como os despachos de billetes ou os socios que experimentarán unha maior perda da prevista inicialmente.
Aínda así, o consello de administración logrou aprobar con ampla maioría un orzamento de 1,37 millóns de euros que se destinarán principalmente ao abono dos salarios de todos os empregados do club. De feito, no seu discurso final a presidenta Murillo asegurou que, a pesar do esforzo realizado ante unha tempada transcendental, o incremento do gasto nos honorarios dos xogadores do primeiro equipo non supera os 100.000 euros con respecto ao curso anterior.
A votación de cada un dos puntos do día desta xunta xeral de accionistas contou co voto negativo de dous accionistas que representaban unhas 321.000 accións, un 34 % das presentes na sesión, a nome de dúas empresas do sector conserveiro e da alimentación.