O Pontevedra quere resarcirse canto antes da dolorosa derrota sufrida en Ferrol. O plantel ten entre cella e cella o encontro que os medirá en Pasarón este domingo, a partir das 18 horas, ao Sporting B para demostrar que o ocorrido na xornada anterior foi simplemente un accidente. "O noso estado de confianza está a lume de biqueira. Volvemos a ver o partido e a pesar de que nos meteron catro, o equipo deu a cara, competiu en todo momento e xerou ocasións de gol. Por iso teñen a moral a tope e están con ganas de desquitarse", confesou o adestrador granate, Luismi Areda.
O técnico vigués había recoñecido a mediados de semana que haberá cambios no once con respecto ao último choque. Con todo, algunhas destas modificacións poden ser por obrigación porque o dianteiro Adighibe segue arrastrando molestias nun dos seus nocellos que lle está impedindo adestrar ao mesmo nivel que os seus compañeiros. "Ten molestias, mentres non leve golpes ou faga algún xesto estraño vai aguantando. O problema é cando fai algún movemento", detallou o preparador.
Tampouco entrarán na convocatoria Javi López, que ultima a súa recuperación dunhas doenzas musculares froito da inactividade; Alfredo Mejía, que regresou este xoves de Honduras e aínda non está en plenas condicións físicas; nin Jaouad Erraji, concentrado coa selección sub 23 de Marrocos. O que xa está integrado no grupo é o canterado Santi Figueroa. Sobre o estado físico dos seus xogadores, Luismi é optimista e confía en ter a todos os seus homes dispoñibles, se non xorden complicacións durante o partido, para a visita a Ibiza.
Do rival, que chega coa moral polas nubes despois de meterlle cinco goles ao Sanse, a Luismi preocúpalle "o dinamismo dos seus xogadores, teñen desborde e gol. Tamén o estado de confianza co que afrontarán este partido". Sobre o estilo de xogo do filial branquivermello, o técnico espera atoparse cun equipo que alterna momentos de asfixiante presión alta, con outros de repregamento e saída rápida á contra para aproveitar a velocidade dos seus extremos.
Pero non só Luismi está preocupado polo partido, tamén o adestrador sportinguista, Samuel Baños, está a buscar a fórmula para sacar algo positivo de Pasarón. "Veñen dun resultado negativo e buscarán volver xogar como no primeiro partido en casa", dixo. Neste sentido, engadiu que o Pontevedra será "un rival complicado", polo que lle pide aos seus xogadores que tenten seguir na mesma liña e que deixen atrás o que lograron na xornada previa.